«Son de Galicia», un tributo aos coros que salvaron os dengues e os alalás

Unha mostra dignifica e pon en valor a achega destas agrupacións á cultura do país


a coruña / la voz

Á emoción coa que as sociedades europeas responderon ao racionalismo ilustrado no século XIX referiuse, non por azar, o historiador Miguel Anxo Seixas na presentación na Coruña da mostra Son de Galicia, coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) recoñece o labor dos coros tradicionais a través de catro formacións fundadas entre 1914 e 1921 e aínda vivas. «Foron os embaixadores da emoción galega, os que saíron fóra a vender Galicia, a Madrid, Europa e América, e volveron cheos de orgullo nunha grande apoteose», explicou onte o comisario na sede central de Afundación, onde quedará exposta a montaxe ata o 26 de xaneiro. O romanticismo artístico deixou aquí unha resonancia social ampla e alongada e desde que o boticario e «repoludo gaiteiro» pontevedrés Perfecto Feijoo creara o pioneiro Aires da Terra en 1883 -con gaiteiro, tamborileiro e bombo, oito cantantes e varias parellas de baile-, ducias de agrupacións replicaron o modelo en todo o país. «Elevaron» así a música popular, o baile e as vestimentas aldeás -salvando ademais do esquecemento algunhas pezas do traxe tradicional, como o dengue- aos espazos burgueses urbanos. Por riba, un «compromiso inabalábel coa lingua de nós», subliñou Rosario Álvarez, presidenta do CCG; a participación activa das mulleres nas producións, actuacións e viaxes; o gusto polo teatro, con dramaturxias e escenografías nas que Camilo Díaz Baliño tivo un papel principal; e sempre baixo unha precariedade económica permanente condicionada polo españolismo político.

Enxebres e pintorescas nos teatros -no Jofre ferrolán presentan obreiros do Arsenal de Ferrol o primeiro coro, Toxos e Froles, en 1914-, as adaptacións en clave folclorista de cantigas, adiviñas e alalás fermentan na construción dun canon etnográfico e musical «riquísimo», resaltou Seixas, unha vez que se harmonizan e pasan ao pentagrama as pezas recollidas, ata entón alleas á linguaxe musical regrada.

Ao tempo, «na época de maior efervescencia das Irmandades», anotou Álvarez, os coros funcionan como dinamizadores de cantas iniciativas solidarias xorden no país, levando adiante campañas de recadación a favor dos nenos pobres, a prol da bandeira de Galicia, da construción de monumentos ou de axuda ás familias dos soldados mortos na guerra. As catro (Toxos, a coruñesa Cántigas da Terra, a ourensá Coral de Ruada e a compostelá Cantigas e Agarimos) gardan «a historia da intrahistoria» -precisou Rosario Álvarez- que está por investigar.

Itinerancia polas catro cidades que manteñen formacións en activo

Concentrada e esencial, a mostra comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas relata o nacemento e a contribución dos coros históricos galegos a través de trinta paneis dedicados a cada unha das formacións e os ámbitos comúns a todas elas -lingua, vestiarios, o precedente de Aires da Terra, o teatro, o labor de altruísmo...-, un espazo audiovisual con filmacións, recursos sonoros e unha colección de pezas, nalgún caso elixidos polas propias sociedades. A montaxe inscríbese no programa conmemorativo do centenario das Irmandades da Fala que levou adiante o Consello da Cultura Galega, e a partir de febreiro viaxará en itinerancia polas cidades dos outros tres coros en activo -Ferrol, Ourense e Compostela-. Os responsables prevén acompañar a exposición con espectáculos, sesións de estudo e outro tipo de actividades organizadas en colaboración cos coros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Son de Galicia», un tributo aos coros que salvaron os dengues e os alalás