Darío Villanueva: «Entre os académicos non hai diferenzas ou enfrontamentos ideolóxicos ou políticos»

O teórico e crítico literario leva dende o 2014 vencellado á RAE

Darío Villanueva, director saínte de Real Academia Española
Darío Villanueva, director saínte de Real Academia Española

redacción / la voz

Darío Villanueva (Vilalba, 1950) despídese da dirección da RAE «moi satisfeito» despois de nove anos «en primeira fila», como secretario primeiro e logo como director. No seu balance coloca por un lado unha crise que foron catro á vez -«un descenso do 60 % da contribución do Estado, un 60 % na venda das nosas obras, un 60 % da achega da Fundación pro-RAE e a retirada de importantes patrocinios privados»- e por outro a incorporación de novos patrocinios, manter a Academia libre de débedas, sacar partido de recursos dixitais como a plataforma Enclave ou os sesenta millóns de consultas mensuais que recibe a versión en liña do Dicionario. O director saínte cita un novo logro que xa non verá no cargo, a vixésimo cuarta edición do Dicionario, que xa nacerá como dixital.

-García de la Concha dicía que mellor falar de distintas sensibilidades que de división. Como influirán nesta votación?

-Na Real Academia Española non hai en modo ningún diferenzas e enfrontamos de fundamento político ou ideolóxico. Por suposto, cada académico ten as súas ideas, pero aquí esa dimensión non conta. O que si é evidente é que á hora de elixir director uns preferirán a un e outros preferirán a outro. Eu tiven unha sorte enorme hai catro anos, cando me elixiron en primeira volta por 28 votos. Houbo só cinco votos de 33 que non me votaron a min. Iso foi algo en certo modo excepcional. Agora, presumiblemente, non vai suceder así. Entón haberá quen opte por un candidato ou outro e, se o xoves que vén non hai ningún que leve maioría absoluta, segundo os nosos estatutos só haberá unha votación ese día, e pasaríase á semana seguinte, na que concorrerán os tres con máis votos. Entón si que poderá haber dúas votacións, unha primeira na que será necesaria maioría absoluta e unha na que xa chegará coa maioría simple.

-Que perfil cre que debería ter quen acceda á dirección para afrontar os novos retos da RAE?

-O outro día, en Santiago, houbo un acto no Ateneo, no que intervimos conxuntamente o presidente da Academia Galega, Víctor Freixanes, bo amigo, e mais eu. A nosa presentadora, cando me presentou, dixo que eu era o primeiro galego que dirixía a Academia española. Eu tiven que puntualizar: non son o primeiro galego, senón que o primeiro foi, nin máis nin menos, Ramón Menéndez Pidal. Co gallo deste recordo, comentaba que a figura do director da Academia, sen que eu queira compararme para nada con don Ramón, suponse que é unha persoa de prestixio e actividade intelectual, e logo tamén ten que ser alguén con capacidade de relación institucional e incluso tamén diplomática. Pero agora hai un compoñente que quizais na época de don Ramón non contaba tanto, que é o aspecto de xestión e de captación de recursos. A Academia ten 80 traballadores. Soster isto é como traballar nunha pequena ou mediana empresa.

-Que motivos ten para non asumir unha posible reelección e a que pensa dedicarse a partir de agora?

-En primeiro lugar, esta decisión non a tomei por un calentón. Foi hai dous anos, nun verán en Baiona, cando fixen unha especie de acto de reflexión, e sumei os cinco anos que levara de secretario cos catro de director e deime conta de que, dos dez anos que levaba na Academia, nove estiven na primeira fila. Eu cumprín e, polo tanto, agora o que quero é recuperar a miña condición de académico sen responsabilidades, igual que aínda son profesor universitario, xa que non deixei nunca de dar clase. Quédanme aínda dous anos para xubilarme e penso solicitar no seu día a condición de emérito na universidade, a de Santiago, á que lle debo tanto. E logo teño varios libros parados con contrato, que non estou cumprindo e que teño que facer. Para o ano que vén teño xa oito compromisos fóra de España, entre eles, a Universidade de Oxford. Entón quero recuperar esa marxe de tempo para min coa sensación de que cumprín. Eu coa Academia estou cumprido.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Darío Villanueva: «Entre os académicos non hai diferenzas ou enfrontamentos ideolóxicos ou políticos»