Gustavo Pernas: deconstruír o establecido

Eva Veiga

CULTURA

Pernas, na presentación da súa última obra
Pernas, na presentación da súa última obra EDUARDO PEREZ

Eva Veiga lembra o dramaturgo a partir da súa última obra, «36 personaxes e un can»

10 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco máis dun mes deixábanos o xenial dramaturgo Gustavo Pernas Cora. Un creador tan prolífico e innovador como orixinal e talentoso: actor, director de dobraxe e de escena, escritor, profesor… A memoria garda imborrable lembranza de moitas das súas actuacións e, por suposto, das máis de 16 obras da súa autoría e representadas pola compañía Ancora Producións, fundada por el xunto á súa compañeira e tamén actriz e directora teatral Ánxela G. Abalo. Obras que foron verdadeiros fitos culturais e nas que Pernas explora, con valentía e lucidez excepcional, as dimensións existenciais dun ser humano que na era das comunicacións se ve abocado á incomunicación e que, asemade, nun contexto ideolóxico de brutal neoliberalismo e de posverdade non é quen de darlle un sentido liberador a unha vida que se evidencia absurda e cruel.

Habitantes das marxes, dos espazos transitorios e fronteirizos, do intervalo e da inminencia, os personaxes da obra de Pernas vense adoito enfrontados ao «outro» que levamos dentro e a aquel que sempre queda fóra do noso interese e alcance, á fin de evitar un compromiso responsable ou convertelo en figura expiatoria das nosas impotencias e frustracións.

Neste senso, en toda a obra de Gustavo atopamos unha perfecta coherencia ética e estética que se une no exercicio necesario, e absolutamente contemporáneo, de deconstruír o establecido e desentrañar as sombras que, a miúdo no seu resoar individual e colectivo, nos determinan mesmo de maneira inconsciente. Pensar o impensado como trabe nuclear dunha poética na que a linguaxe xoga un papel determinante e que se pon en estado de emerxencia a través dunha serie de recursos expresivos que Pernas domina con sutil intelixencia e sensibilidade: a polisemia, os xogos de palabras, o humor, a ironía, as metáforas, as elipses... Porque, ao cabo, Gustavo Pernas é un poeta que escribe teatro e, non en balde, a poesía, dunha maneira ou doutra, sempre está presente en cada unha das súas obras, ese anaco de vida concentrado que, ao tempo, se expande en constelación significativa.

Tal acontece con 36 personaxes e un can, que, publicada apenas uns meses antes do seu pasamento, vén significar, ao noso entender, un maxistral compendio de saber teatral e de humanismo que o seu autor nos lega a modo de manual teórico-práctico para a construción de personaxes dramáticos, pois non en van o libro xorde dunha dobre petición: a que lle fai a Escola de Imaxe e Son da Coruña -onde el foi ensinante- e, por outra banda, a do seu fillo, o extraordinario actor Muriel Pernas, que sabe da necesidade de textos adecuados para que actores e actrices poidan dar a coñecer o seu traballo ou presentarse a probas.

Manual imprescindible que debería estar presente en todos os centros de ensino, porque a súa achega vai moito máis aló: imposible non sentírmonos atinxidos por estas historias nas que concretos seres humanos -en paridade de xénero e enmarcados na máis viva actualidade- bracean na súa particular arañeira a reflectir, como un poliedro de cristal, as súas íntimas cores e tamén en relación cos demais. Unha visión prismática, lonxe de calquera maniqueísmo ou «corrección política», que pon ao descuberto a complexidade da conduta humana en asuntos que van dende a inmigración, o amor, a adopción, a culpabilidade, o medo, a explotación sexual… En definitiva, unha valente abordaxe do noso mundo contemporáneo que tira unha importante consideración ética: todas e todos estamos involucradas e a empatía é, seguramente, o modo máis intelixente e creativo de transformarmos a realidade. Grazas, Gustavo, por tanto.