O 35 % dos directivos culturais acceden ao seu posto por libre designación


santiago / la voz

É transparente o sistema polo que os directivos dos centros culturais de Galicia acceden a eses postos? Razoablemente. Pero cómpre seguir avanzando para acadar unhas regras comúns no ámbito da contratación dos directivos culturais. Esa, a de que a lexislación impulse principios xerais que regulen a provisión de postos directivos nas entidades culturais, é unha das recomendacións do informe publicado este mércores polo Consello da Cultura Galega, que tamén aconsella que se avalíe conxuntamente con outros criterios un proxecto de xestión elaborado polo profesional, que servirá como guía e que demostra a súa capacidade antes e despois de acceder ao posto de responsabilidade.

O informe revela que o sistema de elección máis estendido é o da libre designación. Así acceden o 35 % dos directivos. Outro 29 % fíxoo a través dun concurso público, o 9 % a través de diferentes mecanismos e nun de cada catro casos non está clara a fórmula empregada. O cruzamento de datos dos 58 centros culturais e os 88 postos directivos deixan ver claras dúas cousas: prevalece o sector público, e ese sector público escolle preferentemente a libre designación, mentres que no sector privado hai «escasa información» sobre os métodos de elección.

O concurso público é a forma escollida sobre todo nas axencias públicas e nos museos. É un sistema que ten tamén unha presenza relevante nas formacións musicais. En cambio, as bibliotecas e os centros culturais que analizou o Consello da Cultura utilizaron o proceso de libre designación en case todos os casos. Con todo, o informe deixa clara a heteroxeneidade que existe, con diferenzas por exemplo entre a Rede de Bibliotecas de Galicia -convocatoria pública e libre designación- e as bibliotecas universitarias, que se resolve mediante un concurso de méritos entre o funcionariado do corpo de bibliotecas. Nos museos o persoal accede de xeito moi diverso, dende concurso de méritos ata a libre designación, e en moitos casos esíxense titulacións concretas.

Existen diferenzas non só segundo o centro cultural. Tamén no tipo de posto directivo se escollen fórmulas diversas. Por exemplo, a fórmula case exclusiva para a elección de xerentes é o concurso, mentres que no caso dos directores prevalece a libre designación (62,5 %). En preto do 67 % dos casos non hai información sobre o procedemento de elección das persoas coordinadoras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
40 votos
Comentarios

O 35 % dos directivos culturais acceden ao seu posto por libre designación