Pedra seca, piar da identidade dun país

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Se algo marca o territorio galego son os valados de pedra seca que separa agros e leiros
Se algo marca o territorio galego son os valados de pedra seca que separa agros e leiros

A declaración desta técnica construtiva como patrimonio inmaterial da humanidade pola Unesco pon sobre a mesa a relevancia dun elemento que define a paisaxe galega

03 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Rematada a voracidade dos tempos do culto ao ladrillo, os arquitectos valoran cada vez máis as filosofías construtivas que priman as solucións sostibles. Galicia, na súa historia menos recente, deu sempre mostra de grande sabedoría no aproveitamento dos recursos existentes para habitar o territorio, para levantar xa fose unha vivenda ou calquera clase de alpendre de usos agrícolas ou gandeiros. A utilización da pedra (especialmente, o granito e a lousa) e da madeira resultou secularmente exemplar. Un dos cumios desa tradición é a chamada pedra seca, é dicir, a técnica que, para erguer un muro, prescinde de calquera argamasa ou morteiro, e que de tan mimetizada na paisaxe pasa desapercibida -cando non desprezada-. Agora volve a un primeiro plano, unha vez que se soubo que será o primeiro ben de Galicia en ser incluído na lista do patrimonio cultural inmaterial da Unesco, no marco dunha importante candidatura conxunta impulsada por oito países europeos e liderada por Chipre e Grecia.

Socalcos de San Xoán da Cova
Socalcos de San Xoán da Cova

Galicia deu sempre mostra de grande sabedoría no aproveitamento dos recursos existentes De feito, a declaración, a pouco que se avalíe, pon sobre a mesa a relevancia dun elemento que define, coma ningún outro, a paisaxe galega, máis alá de supoñer un dos exemplos de coñecementos máis notables das formas de vida tradicional na comunidade, que se transmite polo milenario oficio dos canteiros e que se converteu nun piar da identidade do país, en tanto que condiciona a relación das comunidades humanas co medio ata o punto de crear as paisaxes. Isto ocorre especialmente (por abondosa) en Pontevedra, Terra de Montes, o Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, A Terra Chá e Ribeira Sacra.

Pendellos de Agolada: as feiras daban vida ás vilas galegas e dispoñían dunha instalación de pendellos
Pendellos de Agolada: as feiras daban vida ás vilas galegas e dispoñían dunha instalación de pendellos

Un crebacabezas de valados debuxa o minifundismo como cultura e rostro dun pobo Alí onde o viaxeiro dirixe o seu camiñar, aló onde deita a vista, topará un crebacabezas de valados que marcan o minifundismo como cultura de pobo, alvarizas para mimar as abellas, socalcos para soster as terras das ribeiras onde medran as vides, muíños que obteñen a fariña da forza dos ríos e regatos, pombais, hórreos nos que gardar a colleita de millo ou mazás, pendellos para custodiar os apeiros do labrego ou para protexer as costas dos visitantes cando chega a hora de levar ao bandullo unha ración de polbo á feira.

Os muíños do río Folón, fito da enxeñaría tradicional o do aproveitamento de recursos hídricos, no Rosal
Os muíños do río Folón, fito da enxeñaría tradicional o do aproveitamento de recursos hídricos, no Rosal

A Xunta xa incorporou a pedra seca ao Censo do Patrimonio Cultural. Non é unha cicatriz, é unha liña que define a beleza de Galicia. Tócalle tamén agora ao cidadán gabala, defendela e gozala.