A homenaxe a Alonso Montero enxalza o seu labor como profesor

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

Premios da Crítica organizou o acto co apoio das universidades, a Real Academia e o Consello da Cultura

02 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xesús Alonso Montero xa adiantaba a pregunta esta mesma semana nunha entrevista publicada en La Voz. «Por que se me homenaxea?». A resposta veulle dada por Víctor Freixanes na súa intervención durante o tributo que se lle dedicou onte en Vigo. «A clave do acto está na súa condición de vello profesor; a palabra vello, neste caso, engrandece a súa figura co recoñecemento de todos nós», sinalou o presidente da Real Academia Galega.

A xuntaza foi organizada pola asociación Premios da Crítica de Galicia e contou co respaldo das tres universidades galegas, o Consello da Cultura e a Real Academia. No auditorio da sede de Afundación en Vigo xuntáronse numerosos amigos, ex alumnos e admiradores do profesor, que o pasado 23 de novembro celebraba o seu 90.º aniversario.

Foi unha reunión presidida pola ledicia, aínda que tamén houbo un momento para lembrar o recente pasamento da compañeira de Alonso Montero, María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Freixanes recordou un recente artigo, en La Voz, de Xosé Luís Franco Grande no que chegaba á conclusión, aludindo ao poeta Cavafis, de que o segredo da vida está na viaxe. «A cultura ou abre os ollos ou non é cultura, e Alonso Montero abriunos os ollos a catro xeracións», continuou o presidente da Academia Galega, para subliñar o traballo docente do homenaxeado. «Todos nós levamos a súa pegada. Que máis se lle pode pedir á viaxe?», preguntou.

O acto foi presentado polo presidente de Premios da Crítica de Galicia, Bieito Ledo, que recordou como Alonso «atopou acubillo» no Círculo Ourensán Vigués en 1976 cando regresou a Vigo tras o seu paso por Lugo.

Na primeira parte do encontro falaron tamén Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o propio Alonso Montero. O filólogo non deixou pasar a ocasión para recordar a esas persoas que, segundo el, tanto aportaron á humanidade pero non tiveron homenaxe como a que el recibía. No último tramo do programa proxectouse o documental de Xan Leira Cidadán Alonso Montero, o mestre das palabras. Neste traballo recóllense as impresións de numerosos ex alumnos, que van explicando como foi a súa relación co seu profesor.

Ao acto asistiron numerosos académicos, amigos de Alonso Montero, ex alumnos e políticos, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.