Os escritores Boullosa, Júdice, Belbel e Cano, unidos por Rosalía de Castro

Montse García Iglesias
montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Paco Rodríguez

O Centro PEN-Galicia entregou onte os premios a creadores en lingua castelá, catalá, vasca e portuguesa

30 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosalía de Castro exerceu de punto de encontro para a mexicana Carmen Boullosa, o portugués Nuno Júdice, o catalán Sergi Belbel e o vasco Harkaitz Cano, os catro galardoados na duodécima edición dos premios que levan o nome da autora de Follas Novas, outorgados polo Centro PEN-Galicia para recoñecer dende a literatura galega a escritores relevantes en lingua castelá, catalá, vasca e portuguesa. Uns premios que distinguen os sistemas literarios veciños porque «seguimos sendo galegos canto máis solidarios somos e máis honramos aos que nos honran», asegurou o presidente da entidade, Luís González Tosar, na apertura do acto de entrega celebrado onte na Cidade da Cultura, onde se deron cita todos os premiados agás o luso Júdice, que, por outros compromisos, non puido asistir, pero está previsto que veña recoller o seu premio no 2019.

Rosalía comezou soando onte en vasco na voz de Harkaitz Cano, que cultiva diversos xéneros, desde a novela e o relato á poesía e literatura infantil, e recuperou para a ocasión unha recente tradución ao éuscaro. Precisamente, no labor dos tradutores centrou o seu discurso. «Creo que la primera traducción de una obra mía fue al gallego, antes que al castellano», asegurou despois de recibir o galardón. Na súa opinión, todo escritor ten que traducir. «Creo que no hay escritores que no traduzcan y, si los hay, desconfía de ellos. El escritor que jamás ha sentido esa pulsión por traducir no es un verdadero escritor», afirmou.

Tamén en catalán chegou Rosalía, aínda que non en forma de recital. O dramaturgo e director de teatro Sergi Belbel agradeceu o seu galardón relacionando a novela La hija del mar, da escritora galega, con La filla del mar, obra do dramaturgo Àngel Guimerà, un dos máximos expoñentes do rexurdimento das letras catalás no século XIX.

Pola súa banda, a mexicana Carmen Boullosa, unha das autoras máis destacadas no ámbito hispanoamericano, que cultivou diversos xéneros, mostrou a súa ledicia por verse «asociada a Rosalía por algo más que mi cuarto de sangre gallega», despois de querer deixar constancia no seu discurso da tonalidade da obra da autora de Cantares gallegos. Aínda que o portugués Júdice non estivo presente, as súas verbas soaron na voz do presentador do acto. Un discurso que, ao igual que os dos outros tres galardoados, o Centro PEN-Galicia difundirá a través da web. «Agradezo esta distinción e gardareino entre os títulos que máis próximos están á miña identidade», afirmou na misiva á que uniu un poema inédito.

E como non, Rosalía tamén soou na voz de Amancio Prada, que puxo o broche o acto ao que asistiron, entre outros, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; así como escritores e representantes de diferentes entidades. Unha entrega que quixo poñer de manifesto, como afirmou o escritor Xosé Ramón Pena, que só existe unha literatura: «Non hai máis que unha única literatura universal, como non hai máis que unha única patria, a que acolle a todos os que queren vivir en liberdade [...]. Variedades, todas; riqueza de matices, infinita; fronteiras, ningunha».