Xesús Alonso Montero: «Dous libros de Antonio Machado descubríronme o marxismo en 1958»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

O profesor vai ser homenaxeado en Vigo o sábado, coincidindo co seu 90 aniversario

29 nov 2018 . Actualizado a las 10:12 h.

As tres universidades galegas, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega apoian a homenaxe que a Fundación Premios da Crítica desenvolverá o sábado 1 de decembro ao profesor Xesús Alonso Montero en Vigo.

-Como recibe esta homenaxe?

-Con gratitude e tamén con certo desconcerto, porque non sei por que se me homenaxea cando existen seres humanos en Galicia extraordinariamente valiosos, como o guerrilleiro Camilo de Dios ou David Álvarez Carballido, que era o comunista perfecto. Deles quen se acorda? Que fixen eu?

-Quizais o fagan por falar deles.

-Eu dedico a miña vida a falar deles, daqueles aos que a Xunta nunca lles concedería a medalla Castelao. O mundo non se ten afundido antes porque houbo mans que o sustentaron, como as de David Álvarez Carballido ou as de Mercedes Núñez Targa, que estivo nun campo de concentración nazi. Cando eu me vexo á beira deles penso que son un señorito privilexiado, que en pleno franquismo tivo a sorte de estudar na Universidade en Madrid; un señorito que nunca foi torturado nin represaliado dunha maneira cruel; un señorito que estudou o que quixo porque a min gustábanme as palabras e dediqueime toda a vida a elas. O señor Antonio Petouto, canteiro da miña aldea, díxome hai moito tempo que había que loitar por un mundo onde non houbese pobres. Para eses pobres loitaron Mercedes Núñez Targa, David Álvarez Carballido e Camilo de Dios. E eu, que son home de letras, puxen ese meu saber para que eles non fosen esquecidos. A quen había que homenaxear é a eles; eu só son o cronista deles, a quen lles estou agradecido porque o pouco que queda de dignidade no mundo débese a eles, que eran militantes do Partido Comunista.

-Como chegou ao marxismo?

-Aínda que antes xa percibía algo, foi no ano 1958, cando xa era catedrático da Escola de Maxisterio. Atopei dous libros de Antonio Machado que me descubriron o marxismo, non sendo el marxista. Nun deles el lembraba cando, escoitando a Pablo Iglesias, descubriu que era un privilexiado que ademais tiña o tesouro da cultura. A Machado non lle gustaba o materialismo marxista porque dicía que puña o acento na economía, pero aí equivocábase porque os marxistas poñemos o acento na dignidade, aínda que para tela hai que comer, ter educación e saúde.

-Pero vostede tamén é galeguista, non si?

-Son, pero non son nacionalista. O galego que eu defendo é o de meus pais, que era o idioma dos pobres. Eu tiven a sorte, tendo 16 anos, de asistir á primeira lección dunha cátedra de sociolingüística en Ribadavia, cando esta aínda non existía. Eu saía do meu colexio e vin pasar polo medio da estrada un fato de xitanos descalzos, fedorentos e mal vestidos, e un rapaz, que é o catedrático, díxolle a súa nai: «Mamá, mamá, son pobres y hablan en castellano». E eu, que non pagara matrícula, asistín á primeira clase deste catedrático que estaba inaugurando a sociolingüística en Galicia. Dende entón souben que falaba o idioma dos pobres, pero que no idioma dos pobres se podía reivindicar o dereito á riqueza, aos libros, á cultura, á igualdade e a todas as xustizas. Eu son nacionalista da nación sociolóxica dos pobres. Non teño nada contra o castelán, e son un grande admirador dos escritores en castelán, pero, aínda sendo así, si podo ter unha actitude moral negativa en contra daqueles que en nome do castelán queren derrubar o galego.

«Señor Alonso, non se poña así que xa lle fixeron a foto»

En 1984 regresaban a Galicia os restos mortais de Castelao. Xesús Alonso Montero protagonizou unha escena que quedou reflectida nunha fotografía.

-Como recorda aquel feito?

-Eu estaba con Isaac Díaz Pardo, Rafael Pillado e outra xente que nin eramos do Bloque nin do ámbito da dereita. Queriamos dicir unhas palabras e ler uns poemas, pero as autoridades pensaron que pretendiamos facer algo violento e desviaron o furgón. Eu púxenme diante e a policía colleume. Recordo que o capitán da Garda Civil que me estaba suxeitando díxome: «Señor Alonso, non se poña así que xa lle fixeron a foto». Nós faciámolo para honrar a Castelao. Non houbo máis, aínda que na foto parece que o garda civil me estaba torturando, pero non era así.

-A súa colaboración en La Voz alude á ledicia do que le. Que pensa do descenso da lectura?

-Non se pode renunciar a ler. A palabra está agora ameazada, pero máis que polo mundo dixital estao polos políticos que non son letraferidos e quizais non leron o Quixote ou a Rosalía, e non se formaron nas palabras densas e orientadoras. Cando termino de ler palabras densas teño a sensación de que peso un pouco máis, que estou mellor situado no mundo. E non digo que sexa feliz quen le, posiblemente sexa máis atormentado, porque nos facemos moitas preguntas, como que podo facer eu para que haxa menos sufrimento nunha parte no mundo. A min moitas veces pregúntanme se amo a Galicia, e eu respondo que non, só se aman as persoas. Como vai un amar un territorio. Pero xa que nacín aquí, eu, que estou comprometido co mundo, teño que exercelo aquí; non é un caso de amor ao país, senón de compromiso cívico co país.

-De que está máis orgulloso?

-Orgulloso, de nada. Satisfeito dalgunhas cousas, pero tampouco moito. Eu ingresei en 1962 no Partido Comunista, pero nunca fun moi orgánico dentro do partido. Eran outros quen facían as grandes cousas, así que eu facía cousas pequeniñas das que non estou insatisfeito, pero, como aínda son novo e penso vivir outros noventa anos, teño a intención no futuro de estar orgulloso dalgunhas cousas.