O debut na novela da profesora Dolores Torrano obtén o premio Torrente para obra en castelán

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Merce Ares

Conta a historia dunha rapaza española que, tras rematar os estudos universitarios, marcha á Arxentina na busca de novas experiencias vitais

29 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira novela da profesora afincada en Laxe Dolores Terrano (Murcia, 1977) fíxose co premio Torrente Ballester para obra en castelán. O galardón que promove a Deputación da Coruña recoñeceu La Argentina que Dios quiere. Viaje a Austroatlántica como «un sopro de aire fresco» e a mellor das 23 propostas finalistas e, por tanto, das 396 presentadas. Torrano -que, pese a gañar o concurso de narrativa Camilo José Cela e o certame poético Antón Zapata, non ten obra editada en papel- confesábase onte atafegada pola boa recepción da novela, chea de felicidade pero «sen tempo para dixerir» este éxito.

A novela -di- conta a historia dunha rapaza española que, tras rematar os estudos universitarios e sen perspectiva laboral ningunha, marcha á Arxentina na busca de novas experiencias vitais. Ocorre no comezo da década do 2010, en plena crise financeira. O periplo convértese nunha viaxe iniciática -e, por tanto, a identidade está na cerna do relato- na que a protagonista advirte paralelismos entre o colapso económico que sofre entón España e o corralito arxentino. «A narración -matiza a autora- non pretende entrar no realismo social, pero a realidade está moi presente, como pano de fondo», con asuntos como a crise inmobiliaria, os movementos sociais, a morte de Néstor Kirchner, o accidente nuclear de Fukushima... Todo iso conforma o marco onde se desenvolven varias historias arredor desta muller e as persoas coas que se relaciona na viaxe pola Arxentina, Uruguai e o Brasil.

Nega Torrano que a novela poida considerarse autobiográfica, pero admite que está construída sobre vivencias persoais. «Tomei moitas cousas dos diarios que escribín durante a miña estadía duns meses na Arxentina, nos anos 2010 e 2011». Precisamente, o xurado do Torrente enxalza o «gran manexo dos diálogos e do rexistro coloquial arxentino» que amosa a obra e incluso, engade, «recorda o estilo cortazariano». Torrano agradece ese eloxio porque Cortázar é unha importante referencia, un dos seus autores preferidos xunto con Borges, Pizarnik e outros latinoamericanos.

Ela viviu por un tempo na Arxentina e tamén en Uruguai , en lugares como Bos Aires, Córdoba, Salta e Corrientes. «Alí -lembra- empapeime da fala da rúa, dese léxico propio fermoso que teñen, desa lingua tan plástica». Todo iso pesou decisivamente nesta novela, que escribiu entre os anos 2010 e 2013, pero sobre a que volveu para seguir pulindo, eliminando, editando e tratando de deixar a narración no esencial.

Profesora de francés no IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas), Torrano colabora, baixo o pseudónimo de Lola Schutz, con artigos, poemas, recensións, traducións en fanzines, blogs e revistas dixitais como Vulva Estelar, El Coloquio de los Perros, Mujeres Reseñando e Pikara Magazine. E ten listo, á espera de editor, un libro sobre o cantante galo Dominique A (ao que admira e coñece persoalmente), con letras, un ensaio e diarios de xira traducidos ao castelán. Para cando escribirá en galego? «Cheguei a Galicia no 2003. Como neofalante -di-, aínda non me vexo preparada».