A xente do ferro na Terra de Miranda

O fotógrafo José Salgado rescata a memoria secular dos ferreiros e carboeiros de Lugo e Asturias, oficio que «aínda ten futuro»


«Pola noite, dende Miranda, eu poñíame a ollar cómo se alcendían as luces de Belvís nas outas i aparelladas torres, [...] ouvía as badeladas do mazo dos ferreiros». Isto que escribe Álvaro Cunqueiro, no inicio de Merlín e familia, é lembrado polo fotógrafo José M. Salgado (A Coruña, 1968), autor do libro-reportaxe A idade do ferro (Editorial Canela), no que recolle a memoria de máis de oitenta persoas, a maioría desa mítica Terra de Miranda, que traballaron ou traballan na industria do ferro. Xentes de Riotorto, A Fonsagrada, A Pontenova ou das terras asturianas de Taramundi, Santalla de Oscos, A Veiga e Grandas de Salime aparecen neste libro que se presenta hoxe, ás 20 horas, no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo.

Foi nese lugar onde naceu este proxecto, cando no 2014 a súa responsable, Regina Polín, lle «fixo o encargo de atopar aos ferreiros que quedasen na provincia de Lugo», recorda Salgado. «En mes e pico atopei 28, a maioría xubilados», relata, e a todos homenaxeou na exposición Mans de ferro, da que exerceu como comisario. Logo seguiu investigando ata reunir material para outra mostra, que tivo lugar o ano pasado no Museo do Pobo Galego co mesmo título que encabeza agora este libro.

O feito de que durante estes catro anos faleceran varios ferreiros de renome amosa, apunta o autor, a necesidade de rescatar a memoria deste oficio. «Na Fonsagrada hai un mazo que probablemente é o último que traballou un ferreiro en toda Europa, Vicente da Porteliña, que deixou de traballar en 2011 porque tiña alzhéimer», conta Salgado. «Este é un home moi coñecido na montaña porque os coitelos da Fonsagrada son espectaculares. Agora a súa familia está facendo o esforzo de ir tódalas fins de semana para poñelo en funcionamento, porque todo iso é un mecanismo de madeira que, se se reseca acaba, fastidiándose». É unha das historias que hai detrás de cada imaxe, nas que tamén aparece todo o proceso, durante dous días, que seguen os últimos carboeiros para facer o carbón vexetal usado polos ferreiros.

Fouciñas para segar en Castela

«En Riotorto aínda queda unha ducia de ferreiros. Chegou a haber douscentos, a mediados dos anos vinte do século pasado, porque ata os anos sesenta desde Riotorto mandábanse camións de fouciñas para as segas de Castela», di Salgado.

En Oscos «os que manteñen o ferro en marcha son Fritz, que é austríaco; Toquero, que é de Valladolid e veu vivir para alí, e a súa dona, que é xaponesa», comenta o fotógrafo, lembrando tamén ao ferreiro-navalleiro Antonio Magadán, falecido este ano. Fritz «forma parte da oitava xeración de ferreiros e en Oscos propuxéronlle facerse cargo deste mazo, e agora é un centro de produción e de aprendizaxe que está funcionando no século XXI coa mesma técnica e tecnoloxía que o século XIV, que é cando empezan a utilizarse os mazos. É unha verdadeira xoia etnográfica».

Desa continuidade fala Clodio González Pérez, do Museo do Pobo Galego, no artigo que inclúe este libro titulado Ferrerías, mazos, forxas e ferreiros: «Os que quedan, os que manteñen aceso o lume das forxas como antano, aínda que agora fagan uso de maquinaria moderna, posúen toda a habelencia herdada dos vellos ferreiros». Para Salgado, esta é unha actividade que «aínda ten futuro» xa que, «como noutro tempo chegaron os ferróns biscaíños, chegan agora xentes de fóra para alimentar esta centenaria tradición».

Algo único na Unión Europea

Esa longa historia pode verse na primeira e última imaxe do libro [con textos en galego, castelán e inglés] que, explica o seu editor, Pablo Quintana, son unha fouce atopada no Castro de Viladonga e a rella dun arado, «tal e como se seguen facendo». Son séculos da cultura do ferro, «que viviu o seu grande apoxeo no século XVI, coa chegada das ferrerías e enxeños hidráulicos, traídos en boa medida por ferróns vascos e navarros, mais cuxas orixes lévannos a máis de dous mil cincocentos anos atrás», di Salgado.

Para Juaco López, director do Muséu del Pueblu d’Asturies, as imaxes deste libro «son un elo máis desta cadea de fotógrafos e investigadores interesados en documentar o mundo rural».

«O que hai entre Galicia e Asturias é algo único; na Unión Europea non hai nada que se lle achegue pola tecnoloxía hidráulica, polos restos de minería, ferrerías... Isto encaixa perfectamente nos requisitos da Unesco para que se obteña a declaración como patrimonio inmaterial da humanidade», conclúe Salgado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A xente do ferro na Terra de Miranda