A Academia e Ourense reivindican a figura de Saco Arce

e. filgueira

CULTURA

A homenaxe celebrouse no IES Otero Pedrayo, onde tamén se pode visitar a exposición
A homenaxe celebrouse no IES Otero Pedrayo, onde tamén se pode visitar a exposición MIGUEL VILLAR

O crego, autor da primeira gramática galega, conta cunha exposición que lembra a súa obra e a súa contribución á lingua

23 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cento cincuenta anos viu a luz a primeira gramática galega elaborada polo crego Juan Antonio Saco Arce (Toén, 1835?Ourense, 1881), que á súa vez foi profesor de linguas clásicas no instituto de Ourense. Con tal motivo, e para poñer en valor a figura dun ilustre das letras e da cultura, a Real Academia Galega, xunto coa Deputación e o Concello de Ourense, presentaron este xoves unha exposición no IES Otero Pedrayo na que o público poderá coñecer a vida e a obra de Saco Arce. «Saco Arce foi o que puxo sobre papel unha gramática científica, contrastada, que tivo un efecto sociolingüístico moi importante e que foi apoiada por moitos sectores da sociedade», sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. «Viviu nunha época convulsa e tamén tivo os seus detractores, o que lle outorga un mérito maior ao seu traballo», engadiu o secretario xeral.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, subliñou o carácter pioneiro de Saco Arce e a súa orixe ourensá, compartida con outros persoeiros do Rexurdimento. «Estamos en Ourense, unha das patrias sobranceiras do galeguismo, para lembrar a persoa e a obra de Juan Antonio Saco Arce, a quen consideramos un dos alicerces do Rexurdimento, compañeiro de Curros Enríquez e Valentín Lamas Carvajal, ourensáns tamén, príncipes da reconstrución da cultura galega no século XIX e da dignificación da nosa lingua, que da súa man entra no territorio dos estudos filolóxicos con carácter científico. Saco Arce é un dos fundadores da lingüística galega moderna, referencia obrigada para todos os que viñeron despois», expresou.

A exposición recolle tamén anacos da historia de Galicia e da lingua galega. Fotografías dos fundadores da editorial Galaxia, imaxes de Otero Pedrayo -empregando o galego por primeira vez nun acto público despois da Guerra Civil, no San Martiño de 1949- ou obxectos persoais de Saco Arce -entre eles a única fotografía que se conserva do crego- poden verse na mostra que acolle o instituto Otero Pedrayo e que pode visitarse gratuitamente.

«Pareceunos que este era o formato ideal para difundir a memoria de Saco e aproximalo aos centros de ensino e ao público xeral», finalizou no acto de inauguración o recentemente nomeado académico correspondente e organizador da mostra, Afonso Vázquez-Monxardín.