A banda deseñada galega poetízase

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

O libro de Yolanda Castaño «O puño e a letra» estrea o cómic poético de 40 autores

12 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste outono de choiva e vento a banda deseñada galega vólvese poética. Faino con corenta traballos nos que non hai unha historia para ser contada, unha aventura que debuxar. Só hai emocións, olladas, sentimentos íntimos que son convertidos en imaxes. «Dos nomes máis veteranos aos que irrompen con paso coraxoso no territorio da nosa banda deseñada, todos eles e elas internáronse nas letras e empuñaron os lapis para explorar novas sendas do seu propio traballo artístico. Transitaron abrindo paso polos camiños do simbólico, por carreiros máis próximos á sensorialidade, á impresión subxectiva ou ao impacto visual». Isto escribe Yolanda Castaño no limiar de O puño e a letra (Xerais). «Este libro funda en Galicia o Comic Poetry», sentenciaba Fran Alonso, director da editorial, na presentación que tivo lugar na libraría Moito Conto da Coruña. E insistía en que a poeta «tivo a feliz idea de crear este libro, unha proposta tremendamente singular», un traballo que cualificou como «atrevido, arriscado e valente que crea un novo xénero».

Os ilustradores que asistiron á presentación coincidiron á hora de valorar a idea de Yolanda Castaño en só dúas palabras: «Un reto». Para Paula Esteban, que ilustra o poema Pero eu, filla das miñas fillas…, foi «una experiencia bonita y sobrecogedora». Alberto Taracido, que leva ao cómic os versos de Beber leite, a interpretación dos versos da escritora que fan os corenta autores é «increíble. En cuanto me llegó el libro me puse a leerlo de una sentada, porque es una gozada». Confesa que o primeiro que fixo foi ver «qué sensaciones te da el poema y cómo lo plasmas».

Miguel Cuba, ilustrador de Listen and repeat: un paxaro, unha barba, contaba que a primeira sensación cando recibiu o encargo foi dun certo temor, tanto polo traballo en si como «pola xente que ía participar». Pero gustoulle o poema e para poñelo en imaxes procurou «esquecerse da linearidade do cómic», e tamén «distanciarme do texto, afastarme». Neste caso, «décheslle un final máis feliz que no poema», recoñecía Yolanda Castaño.

Papel é o título dos versos que ilustra Rubén Mariño, que facía unha chiscadela dicindo que «vendo o que lles tocou a outros tiven sorte», e insistía en que foi un reto.

A man de Xulio Carballo

«Non menos decisivo foi o guieiro dun dos meirandes exploradores da historia do cómic en Galicia, Xulio Carballo Dopico», escribe a autora falando desde proxecto. De feito, Fran Alonso anunciou que para principios de ano Xerais vai publicar un libro de Carballo sobre Os pioneiros da BD galega. Explicaba Carballo que na asignación dos poemas da escritora tiveron en conta a traxectoria da persoa á que lle pedían a ilustración; así, o titulado Calamar «estaba claro que tiña que ser para Miguelanxo Prado, moi coñecedor da temática do mar». O mesmo pasaba con Que é dor, no que pedras e grutas son protagonistas, e por iso o encargo foi para Kiko da Silva.

Un feito que salienta Carballo como exemplo do amplo abano de autores deste libro é que «está Fran Jaraba e tamén a súa filla Alicia», xunto con outros nomes propios da banda deseñada galega como son Xan López Domínguez, Xaquín Marín, Siro, David Pintor, Abraldes, David Rubín, Pepe Carreiro, Jano, Fran Bueno, Xosé Tomás… Son «polo menos tres ou catro xeracións aquí incluídas, e o que se ve é que o nivel non se perde, paréceme que ata vai mellorando. Este é un libro pioneiro, marca un inicio», remataba Carballo.

«Foi fascinante descubrir as súas interpretacións dos poemas... Hai quen interpreta, quen busca, quen enfronta, quen dá un rodeo. Cando foron chegando os traballos foi un impacto emocionante ao ver como se fixaban nos aspectos máis insospeitados», dicía Castaño. Os corenta poemas ilustrados nesta obra son dos seis libros que leva publicados nos case 25 anos da súa carreira literaria. O resultado «é unha xoia, con ese traballo exquisito de edición de Ramón Domínguez e ese deseño da cuberta de noncommon [Rai Iglesias / Iria Sobrino]».

Explicou a poeta que en España Laura Pérez Vernetti, distinguida este ano co Gran Premio do Salón do Cómic de Barcelona, é a única autora que fai cómic poético e lembrou que a idea de facer O puño e a letra xurdiu vendo, «nas viaxes que fago levando a poesía galega polo mundo», o que facían tres autoras en Italia, Gales e os Estados Unidos.

Castaño di que esta iniciativa xunta en Galicia «dúas das grandes vangardas creativas deste país: a poesía e a banda deseñada. E non podemos dicir que sexan as que teñan máis apoio comercial ou mediático». Este diálogo «fai saír a poesía da súa torre de marfil na que se di ás veces que está; eu creo que a poesía debe estar contaminada -a única contaminación coa que estou de acordo- de vida, de mundo». E remata co desexo de que esta empresa conxunta «traia novos lectores a estes versos, e poida descubrirlles, ao tempo, novos horizontes».