O guionista presenta en Ourense a súa novela «O pasaxeiro 19»
28 ene 2019 . Actualizado a las 18:59 h.Coñecemos as historias que Carlos Vila Sexto (A Coruña, 1977) está a crear no día a día mais non somos conscientes de tal cousa. Escritor xa galardoado de mozo -aos 14 anos gañou o Premio Rúa Nova de narración infantil coa novela Alén de aventuras-, foi creador e guionista de series de televisión como Los misterios de Laura -a primeira na historia da televisión en España en ser adaptada nos EUA-, Motivos personales ou Un lugar en el mundo. En Ourense presenta hoxe -12.00 horas, libraría CyC- O pasaxeiro 19 (As crónicas do viaxante) (ed. Rodeira). Miguel esperta sen memoria nun tren e o primeiro que ve é un cadáver. Cando quere fuxir da escena do crime decátase de que alguén o incriminou no asasinato.
-Un tren en marcha e unha persoa que desexa fuxir condicionan o relato.
-Sempre fun un apaixonado da literatura infantil, das sagas e das triloxías. E quixen crear a miña propia triloxía, da que esta obra é a primeira entrega. E ese ambiente de presión e incerteza que se pode adiviñar é a miña particular homenaxe a creadores como Agatha Christie ou os autores da novela negra.
-Xa ten as outras entregas?
-A triloxía xa está rematada e as entregas están vinculadas a historias que sempre me resultaron atractivas: a segunda está relacionada cunha casa encantada e a terceira ten que ver con piratas. E todo co mesmo argumento e o mesmo protagonista. Como? Nas últimas liñas de O pasaxeiro 19 están as claves.
-Como compaxina os rexistros? Será un futuro guión?
-Emprego a mesma estratexia que nos guións que se fan para cine ou televisión. A novela está escrita para que o lector non se aburra e se enganche co misterio, a historia policial e algún episodio paranormal. Sobre a posibilidade de levala á pantalla é totalmente factible; de feito, antes de escribir imaxino as imaxes coma se xa estivesen rodadas, para saber se a historia vai funcionar.
-Falando de imaxes, vivimos a idade dourada das series?
-Si. Coa aparición de Netflix, Amazon, agora Movistar e outras plataformas todo mudou e miramos as series no móbil, na tableta, sen anuncios, ou pasas a fin de semana mirando toda a tempada dunha serie.
-Traballa nalgún proxecto?
-Agora mesmo estamos en Presunto culpable. Teño un proxecto para rodar en Galicia, mais non podo dicir nada ata que estea asinado.