-Estou a favor da linguaxe inclusiva en calquera contexto, e especialmente en documentos oficiais.
-Ve un pouso machista na RAE?
-Creo que necesita renovarse en certos sentidos; vai un paso por detrás da sociedade, pero confío en que acabará cambiando. A lingua está claro que é o espello da sociedade e, cando esta avanza, a súa evolución reflíctese na forma de falar. Se vivimos nunha sociedade desequilibrada ou sexualizada, a lingua tamén vai estalo. Hai transformacións que son necesarias.
-«Nunca había visto tanto macho alfa en política», dixo Núñez Feijoo. E vostede?
-Preocúpame un pouco como facemos equiparacións coa natureza. Un macho alfa é necesario para a supervivencia da especie. Unha manda non é un termo pexorativo, tal e como se entende actualmente. Outra cousa é que en política sobren actitudes e comportamentos que distan da profesionalidade coa que se debería acometer a tarefa.
-Que lle parece que Chloe e Dylan se coen entre os nomes máis postos en Galicia?
-Chloe e Dylan están ben, son clásicos dentro de seren estranxeiros. Dentro da innovación, o meu preferido é Ilony (que vén de «I love New York»).
-A melena gárdalle as costas. Vese ou non de pelo curto?
-A verdade é que non! Para min o pelo longo e solto simboliza a liberdade. O cabelo feminino, ao longo da historia, sempre estivo recollido, cuberto… Eu desexaría ser unha velliña con trenza branca... e mais un gato.
-Doris Lessing! Ten gato?
-Unha gata. Chámase Gala.
-Por Gala Dalí?
-Cando a adoptamos xa viña con nome e tiña 4 anos. Pareceunos que era tarde para cambiar a súa identidade.
-Búscalle tres pés ao gato?
-O de buscar tres pés ao gato teño entendido que se di porque antigamente pé significaba sílaba. E gato só ten dúas!
-É de chupiños ou das de dous litros de auga ao día?
-Depende do día, ou da noite, pero en xeral non son de extremos. De feito, a pregunta lémbrame a arriscada teoría dunha amiga miña. Di que o ideal é alternar as copas con auga para evitar o exceso...
-Unha canción para termar do día.
-Calquera dos últimos cedés de Extremoduro.
-Un pesadelo recorrente.
-Seres inanimados que cobran vida.
-Cal é a historia do futuro?
-Aínda está por escribir!