María Xesús Lama: «O tópico da Rosalía chorona beneficia á sociedade de valores conservadores»

Lama vén de acadar o galardón de ensaio pola súa biografía da escritora, que ofrece un novo retrato máis alá dos estereotipos


redacción / la voz

Pescudar na vida e nas circunstancias da escritora para ofrecer un retrato distinto, afastado dos estereotipos, foi o obxectivo de María Xesús Lama (Lugo, 1964) na biografía Rosalía de Castro. Cantos de liberdade e independencia (1837-1863) (Galaxia). Onte o seu traballo viuse recompensado co Premio Nacional de Ensaio, que convoca o Ministerio de Cultura e que está dotado con 20.000 euros. O xurado destacou que contribúe «a revisar unha imaxe tópica de Rosalía de Castro ancorada nunha visión romántica e chorona, mostrando a unha escritora lúcida, independente e defensora da liberdade, a igualdade e a xustiza social».

-É este o momento idóneo para ir máis alá dos tópicos?

-Penso que hai moito tempo que ese obxectivo estaba aí, aberto para todos os que estudamos a obra de Rosalía; hai moita xente traballando nesa dirección, a verdade. Penso que Rosalía de Castro pedía unha biografía que, incriblemente, ninguén afrontara aínda cun traballo de alcance. A biografía é un xénero que serve para difundir unha imaxe autoral, que se debe construír ben fundamentada e documentada, que recolla todas as interpretacións dos estudos académicos, pero, incriblemente, estaba pendente. Creo que o obxectivo da biografía é difundir a auténtica imaxe de Rosalía, que no ámbito académico hai xa décadas que se está traballando. Hai que dicir tamén que se fai, sobre todo, no ámbito galego, pero que non acaba de chegar aos estudos hispánicos de maior difusión. Aínda que hai grandes especialistas no ámbito dos estudos hispánicos, Rosalía é unha creadora que non acaba de ter o seu lugar na historiografía da literatura española, nos seus manuais, co recoñecemento que debe ter, como unha representante das letras galegas, pero alguén que tamén fixo unhas contribucións importantes, que dialogou coa cultura do conxunto do Estado no seu tempo.

-Semella que era tarefa máis fácil cando a súa imaxe aparecía nos billetes de 500 pesetas e que, dende entón, se foi estancando ou indo cara a atrás.

-Si, penso que cada vez é máis difícil a comunicación entre as culturas e linguas do Estado, por desgraza. Creo que o tempo de Rosalía dános algún exemplo moi interesante, como que os primeiros poemas de Cantares Gallegos foron publicados na prensa de Madrid, que publicaba poemas sen ningún problema en diferentes linguas do Estado. Hoxe iso parece impensable, se non é cunha tradución ao lado, ou quizais nin iso. Nese sentido andamos cara a atrás, no sentido do bloqueo monolingüista, en todos os ámbitos, tanto no da cultura española como no das culturas periféricas. Parece que cada vez as fronteiras teñen máis forza para que nos construamos esencialistas e monolíticas das culturas, cando as culturas sempre foron vías de comunicación, de entendemento, de interrelación. Se non é iso, imos mal.

-O tópico da Rosalía chorona, da muller feble e enferma, melancólica, a quen beneficia?

-Beneficia, penso eu, á sociedade de valores conservadores. A unha sociedade que quere presentarnos uns valores conservadores dominantes, que, na realidade, non o son tanto. A realidade, creo eu, supera de lonxe as construcións que pretendemos difundir ás veces desde os discursos sociais e culturais. Creo que algo do que debemos ser conscientes é que en moitos casos os canons culturais están moi condicionados por trasfondos ideolóxicos e políticos que se queren perpetuar. E non é casualidade, por iso, que algunhas creadoras mulleres teñan máis representación e máis fácil acceder ao canon ca outras: curiosamente sempre son as mulleres que representan valores conservadores, no social e no político. Entón, Rosalía só era asimilable terxiversándoa nese sentido. Para a sociedade do seu tempo, do franquismo, da Transición, incluso, a auténtica Rosalía é máis difícil de dixerir para esa ideoloxía dominante.

-Fronte a esa imaxe, o seu libro describe unha Rosalía libre e independente e, sobre todo, alegre. Quizais sexa isto último o que máis poida sorprender a algúns.

-Penso que o ser consciente da realidade cunha visión crítica e non caer en optimismos simplificadores e inxenuos non implica estar amargados na vida. Niso Rosalía era un exemplo. Ela era unha persoa que no seu discurso intelectual, nas súas obras, se mostra moi crítica, moi consciente das limitacións, das posibilidades de reformas sociais, de crer nunha sociedade en progreso que camiña para un mundo mellor. Pero iso non significa que vaiamos estar chorando polas esquinas. Hai que conservar o vitalismo para manterse activa na loita pola transformación de pequenas cousas, que é a única esperanza que queda. Rosalía iso demóstrao porque segue ata as últimas obras apostando por causas concretas. Se non cremos na transformación de conxuntos, si podemos aspirar a pequenas transformacións, cousas importantísimas na vida diaria, e iso fai que esa desesperanza non se traduza nun pesimismo vital. Creo que todos os testemuños da xente que coñecía a Rosalía insistían niso, que era vital, en que ría moito... A súa obra ten un aspecto moi importante que aínda hai que estudar, que é o humor, a ironía, a retranca, que nos fai rir moitas veces con cousas moi duras.

A segunda parte do traballo publicarase ao longo do vindeiro ano

O volume distinguido onte co Premio Nacional de Ensaio é a primeira parte dun proxecto biográfico que finalmente contará con dous volumes, segundo confirmou María Xesús Lama. «Son dous», explicou, antes de engadir que está a traballar no segundo libro e que, previsiblemente, poderá publicarse o vindeiro ano. «Cantos de liberdade e independencia» aborda os anos cruciais da infancia e os formativos da xuventude. Entre outras cuestións, aclara de xeito definitivo a paternidade da escritora e desbota outro estereotipo, o do rexeite, xa que ilustra como foi unha nena querida e valorada na familia. O que emerxe é un retrato dunha Rosalía complexa, como adolescente inqueda con soños de artista, lectora febril de ideas revolucionarias, nai noviña e muller vital.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

María Xesús Lama: «O tópico da Rosalía chorona beneficia á sociedade de valores conservadores»