Os Premios da Crítica distinguen o labor cultural de Mercedes Peón e Ana Romaní

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Oscar Vázquez

José Luis Mascareñas, Álvaro Lago e, a título póstumo, Xabier P. Docampo son algúns dos galardoados na 41.ª edición deste certame

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Premios da Crítica de Galicia recoñeceron onte o labor cultural, nos seus respectivos eidos de traballo, de Xabier P. DoCampo (a título póstumo), José Luis Mascareñas, Ana Romaní, Mercedes Peón, Javier Alonso de la Peña, Álvaro Lago, a Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas e a federación gandeira Boaga. Os galardóns, que este ano chegan a súa 41.ª edición, foron entregados nun hotel de Vigo, nunha cerimonia que contou coa presenza de Abel Caballero, alcalde da cidade; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros persoeiros.

A novela de DoCampo A nena do abrigo de astracán mereceu o premio no apartado de Creación Literaria. O xurado salientou que «esta obra culmina unha traxectoria creativa, recollendo o corolario dunha serie de aprendizaxes que aquí se espellan».

José Luis Mascareñas foi distinguido co premio de Investigación. «Ten unha exitosa traxectoria investigadora no ámbito da Química, que se aplica -lembra o fallo- a outras áreas de coñecemento como a Bioloxía e a Biomedicina. Destaca tamén que é o único investigador en Galicia que, traballando dende o país, conseguiu un Advanced Grant do European Research Council».

O premio de Iniciativas Culturais e Científicas foi para Ana Romaní. O xurado salientou «o seu labor a prol da visibilidade, promoción e difusión da nosa cultura, nas súas diversas manifestacións ou expresións, así como a súa defensa e uso do galego. Labor que desenvolveu maiormente como directora do programa Diario Cultural da Radio Galega dende o seu inicio, no 1990, ata mediados do presente 2018».

O xurado elixiu a Mercedes Peón para o galardón de Música, tras subliñar «a súa traxectoria de compromiso coa investigación e documentación do patrimonio musical de tradición oral, un aspecto no que un claro referente».

De la Peña ganou o premio de Artes Plásticas. O xurado apunta que «é insólito que un premio teña a oportunidade de valorar a intervención nunha das obras mestras da arquitectura de todo o occidente europeo: a catedral de Santiago de Compostela. Consideramos que é de xustiza sinalar o importante compromiso asumido por Javier Alonso de la Peña, o nivel de responsabilidade e a súa implicación durante máis dunha década. Esforzo que cristalizou no ano 2017 coa finalización da restauración das torres da fachada do Obradoiro, así como a tribuna e o pórtico. Valoramos tamén a recuperación da poética do monumento e do lugar sagrado e o traballo simbólico que abordou».

O premio de Artes Escénicas foi para a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. «Nacendo da fusión entre o tecido teatral popular e o profesional, a mostra é espazo de encontro desde o tan necesario humor para a promoción das Artes Escénicas, baseada nunha programación de calidade na procura de novos públicos e espazos. A aposta da mostra de Cangas por manter unha mirada comprometida a prol da igualdade desde as súas orixes materializouse no proxecto Mulleres en Acción», subliña o fallo.

O filme Matria, de Álvaro Lago, foi recoñecido co premio de Cine e Artes Audiovisuais. «Matria representa o mellor do noso cinema: o risco narrativo ao fusionar a ficción e recursos documentais», enxalzou o xurado.

Finalmente, o premio de Cultura Gastronómica recaeu na Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga). «Ten impacto en todo o territorio, asenta poboación en contornas rurais, incorpora xente nova ao traballo gandeiro, coida colateralmente do medio ambiente e fai chegar o produto aos mercados máis selectos de España», argumenta o fallo.