Fóisenos un dos iniciadores

Miguel Sande Corral
Miguel Sande VIVEIRO / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

Gustavo Pernas, dramaturgo e autor, non deixou de traballar desde 1985 por e para o teatro

30 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un dos iniciadores, dos que empurraron nos tempos máis difíciles polo teatro galego, cando case todo estaba aínda por facer. Tamén había ilusión. Gustavo Pernas nunca deixou de traballar desde 1985 por e para o teatro: era a súa vida. Profesional e vital. A carón de Ánxela Abalo fundou, fundaron, Áncora Producións, onde dirixían e interpretaban os seus propios textos. Áncora era e é unha referencia para todos nós e, por suposto, tamén Gustavo; sempre con palabras de apoio, sempre interesado, sempre arroupándonos.

Gustavo era escritor de teatro, actor e director, entregado por completo a esa súa profesión e paixón; e é que tiña por profesión recrear a vida. E os soños. E acadou numerosos premios de prestixio dentro do teatro en cada unha das súas facetas: varios Premios Max, María Casares, o Premio Álvaro Cunqueiro, o Rafael Dieste e tantos outros.

Probablemente un dos últimos e máis especiais fose o Premio Roberto Vidal Bolaño por toda unha traxectoria, distinción que compartiu con Ánxela Abalo e coa súa propia compañía, Áncora. Era de Viveiro, sempre o lembraba.