Galicia mírase no espello do deseño

Pepe Barro propón no libro «Máis que ver» cen reflexións coas que procurar unha historia propia do uso simbólico e comunicativo das imaxes pola cultura galega


redacción / la voz

A bandeira galega, coa súa banda azul sobre fondo branco. A cruz de Santiago. A cuncha de vieira. O tríscele. O azul cobalto de Sargadelos. A faciana de Rosalía. Son todas imaxes poderosas que, dun xeito ou outro, remiten a Galicia e á súa cultura, xa que co tempo se consolidaron na súa condición simbólica. Unha categoría que lles outorga a naturalidade do que sempre estivo aí, coma se fosen revelacións, cando en realidade son o resultado dun proceso de creación e decantación.

A pescudar nese desenvolvemento dedica o deseñador Pepe Barro (Pontedeume, 1955) o libro Máis que ver (Xerais), que reúne cen historias, con ambición narradora e vocación reflexiva, arredor da imaxe coa que Galicia se presentou ante o mundo e ante si mesma: o deseño como espello dunha cultura e un pobo. Son «temas clave na imaxe do país», xustifica Barro. «A función simbólica é a mais importante das funcións nun proxecto de deseño, de aí que me pregunte o porqué da cuncha de vieira, da bandeira galega, do escudo, das alegorías nacionais... que moitas veces descoñecemos, pero tamén reparo na imaxe de empresas como Mondariz, Goa ou Barreiros e hai case unha novela na historia da identidade corporativa de Zeltia», engade. A esas aventuras hai que engadir os traballos profesionais, ben coñecidos, de Luís Seoane ou Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo, canda outros merecentes de maior atención, como Rafael Barros ou Blanco Casal.

A propia capa do libro tamén remite a unha idea de deseño: segundo Barro, unha face cos ollos tapados crea inquedanza en quen a mira. Tamén remite á falta de coñecementos das circunstanacias culturais arredor das imaxes históricas
A propia capa do libro tamén remite a unha idea de deseño: segundo Barro, unha face cos ollos tapados crea inquedanza en quen a mira. Tamén remite á falta de coñecementos das circunstanacias culturais arredor das imaxes históricas

Entender as imaxes

Porén, non se trata dun libro para especialistas, que tamén, senón que apela a unha ampla masa lectora que teña curiosidade por saber o porqué do escudo galego ou da vieira como símbolo. «Creo que as cen historias poden axudar a entender mellor a cultura galega, tan necesitada de entender as imaxes que ela mesma xerou. Porque ser deseñador é doado, cuestión de ensino, pero ser galego é ben difícil, porque todo na cultura dominante te empurra a ser outro», explica Barro, non sen certa retranca. O deseñador ilustra esta reflexión cun exemplo moi gráfico: «Na Coruña, poño por caso, plantaron hai tempo todos os paseos e avenidas con metrosideiros, porque é a árbore das antípodas, disque. No centro simbólico colocaron o símbolo dos outros, fannos ser antipódicos e a cultura galega, popular ou culta, acaba resultando verdadeiramente underground para a maioría da poboación».

Non se trata de pescudar nun pasado para sacralizalo, senón de entender cómo no deseño galego se dá a pulsión de moverse entre unha tradición propia e os aires de vangarda de cada tempo. Castelao ou Seoane dialogaban dende os seus alicerces coas «correntes de arte-nova» que se desenvolvían en Europa. «Risco chamou a traballar con “galeguidade, modernidade e emoción”, pero a confrontación foi forte e fonda, de aí vén esa teima aínda viva de falar sempre de tradición e modernidade, nunha cultura como a nosa tan necesitada de autoestima, de sinais de identidade nun mundo global... Seoane sintetiza o dilema nunha frase: “Quero enriquecer o mundo coa nosa diferenza”. Desgraciadamente, o debate actual retrocedeu moito, porque agora non se trata de se debemos ou podemos producir con formas galegas, agora o dilema é se os galegos aínda podemos producir algo», afirma Barro.

De igual xeito, esta investigación nun pasado que chega ata o presente de hoxe non esta exenta dunha visión para o porvir. Sostén Barro que «O deseño non só é unha cuestión cultural da nosa identidade, é unha profesión necesaria para o desenvolvemento do país, tanto no deseño da comunicación como no deseño do produto: a industria precisa incorporar servizos de deseño se quere existir no futuro».

Como tamén se pode aplicar a unha lectura ampla do mundo contemporáneo que nos rodea, máis inundado que nunca de imaxes, que se contan por miles pero de vida efémera. No seu libro, Barro sinala que somos consumidores de imaxes pero que tamén temos un déficit formativo sobre como interpretalas. «No ensino habería que dedicarlle un tempo á comunicación visual, para formar persoas con capacidade crítica, tamén con máis posibilidades de expresión», avoga o deseñador. «Non só é un tema de cultura xeral, porque logo pasa que non sabemos como facer que nas empresas os nosos produtos falen ben de si mesmos, e así están a maioría dos produtos agroalimentarios galegos, poño por caso. Moitas veces nin sequera atinamos a definir que debemos comunicar e xa que logo como debemos facelo. Cómpre ser conscientes de que as formas teñen valor semántico e gran parte da mensaxe está aí, ese é un descubrimento do mundo contemporáneo», conclúe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Galicia mírase no espello do deseño