A pedagoga Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán comparten o premio Otero Pedrayo

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Convocado polas catro deputacións e a Xunta, o galardón recoñece o seu labor no fomento da cultura e os valores propios de Galicia

25 oct 2018 . Actualizado a las 21:17 h.

A mestra e pedagoga Antía Cal (La Habana, 1923) e a escritora María Xosé Queizán (Vigo, 1939), dúas pioneiras que abriron novos camiños en Galicia no ámbito do ensino e dos dereitos das mulleres, resultaron gañadoras do premio Otero Pedrayo, que se fallou este xoves no Pazo de Mariñán (Bergondo). Cal levou con naturalidade o uso do galego á escola cando isto non era cousa ben vista e Queizán introduciu o factor feminista en todos os ámbitos da súa acción vital, de maneira especial desde o campo literario -con gran peso no seu ensaísmo- e como activista.

Convocado polas catro deputacións e a Xunta, organizado nesta edición pola entidade provincial da Coruña, conta cunha dotación económica de 16.000 euros. O recoñecemento está dirixido a enxalzar a traxectoria de personalidades ou institucións que teñen contribuído de xeito decisivo a fomentar a cultura e os valores propios de Galicia. Desde a súa creación -hai xa máis de corenta anos, en 1977, cunha nómina que inaugurou Carlos Casares-, non foi ata a pasada edición que tivo a unha muller como protagonista, a xornalista e realizadora Margarita Ledo. Nesta ocasión o xurado optou por premiar dúas mulleres exaequo, modalidade dupla, aduce a organización, que non é nova na historia do Otero Pedrayo, con edicións nas que tamén se compartiu, como Xaquín Lorenzo e José Fariña ou Manuel María e Uxío Novoneyra.

Cal, lembra o xurado, foi durante o seu tempo como ensinante un referente da nova pedagoxía, que busca nos modelos anovadores que daquela nacían en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo. Ademais de ensinar, trata de completar a educación creando materiais didácticos, dos que nace a enciclopedia O libro dos nenos e o volume A arte e a súa historia, escritos en galego nos anos cincuenta. Creou en Vigo a Escola Rosalía de Castro, un centro laico, plural, diverso, democrático e conectado co mundo que a rodeaba.

Queizán conta cunha intensa traxectoria na literatura e na teorización do movemento feminista desde a situación que viven as mulleres galegas, que se reflicte nun amplo corpus ensaístico mais tamén nos outros xéneros literarios que a autora visitou. Dirixe a revista Festa da Palabra e a colección As literatas (Xerais).