Un novo iberismo para un novo século

A Casa de Mateus, en Vila Real, acolle dende hoxe un encontro para promover espazos de diálogo e debate sobre os desafíos conxuntos de España e Portugal

Nélida Piñón pronunciará a conferencia de clausura
Nélida Piñón pronunciará a conferencia de clausura

redacción / la voz

No ideario iberista, esa corrente que propugna un maior achegamento entre os pobos da Península, Galicia, pola súa posición xeográfica e cultural, pode desempeñar un importante papel. Non é casual que o seminario Repensar Ibéria, que se celebra entre hoxe e o domingo na Casa de Mateus, no municipio luso de Vila Real, sexa unha iniciativa da fundación que xestiona este pazo e mais o Consello da Cultura Galega. O encontro persegue recuperar «espazos de diálogo, desligados de calquera celebración ou conmemoración histórica, para afrontar de modo conxunto un debate sobre os desafíos que os dous estados ibéricos teñen na época presente e no inmediato futuro, quer nas súas relacións mutuas, quer de forma máis extensa, no conxunto da Unión Europea, e mesmo no seo das comunidades iberoamericanas», segundo a exposición dos seus obxectivos.

Repensar Ibéria enmárcase, xa que logo, nunha longa tradición que tivo momentos de maior e de menor presenza: os cambios de réximes políticos influíron notablemente nesa inercia de «vivir de costas viradas» entre España e Portugal. En moitos casos, o iberismo cinguíase aos ámbitos reducidos da intelectualidade. Pero esta forma de pensar, baseada no respecto, a colaboración e o coñecemento mutuos, son máis necesarios na actualidade, nun contexto transnacional, de debate sobre a construción europea, que se estende ademais a América, coas correntes migratorias galegas e os vínculos lusos co Brasil como dous exemplos acaídos. Superado en parte o contexto de crise económica, preséntase un escenario idóneo para debater sobre como repensar Iberia no seu conxunto e como parte esencial da Europa occidental e do espazo atlántico, neste novo século.

O seminario será presentado hoxe por Ramón Villares e Teresa Albuquerque, da Fundação da Casa de Mateus. Desta institución tamén intervirá o seu director, Fernando de Albuquerque; a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez; e o administrador da Fundação Calouste Gulbenkian, colaboradora co encontro.

Temáticas a debate

O sábado a conferencia inaugural correrá a cargo do profesor e político portugués Jaime Gama. A seguir, Santos Juliá e António Costa Pinto abordarán a transición á democracia nos Estados ibéricos, mentres que Luís Braga da Cruz e Ramón Máiz falarán das políticas de cooperación. Sobre economía e medio ambiente conversarán Elisa Ferreira e Antón Costas. O domingo, a ciencia será o primeiro tema a debate, con Artur Santos Silva, Ángel Font e António M. Cunha, mentres que as culturas ibéricas serán analizadas por Javier Rioyo e Guilherme d’Oliveira Martins.

A conferencia de clausura titúlase Iberia, entre Europa e América, e será impartida por Nélida Piñon, a escritora brasileira con orixes galegas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Un novo iberismo para un novo século