«Non hai libros que aborden o amor e o sexo desde calquera clase de disfunción»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

O escritor e director xeral de Galaxia Francisco Castro publica «Iridium», protagonizado por unha rapaza cun dano cerebral

11 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e director xeral de Galaxia, Francisco Castro (Vigo, 1966), ten un novo título no mercado. Iridium (Galaxia) é unha novela de protagonistas xuvenís, que aborda a cuestión das persoas con diversidade funcional e a súa aceptación pola sociedade.

-Por que escribiu «Iridium»?

-Hai anos contactei coa Asociación Galega de Dano Cerebral e convidáronme a coñecela. Non tardei en decidir que algún dos meus libros ía ser protagonizado por alguén con dano cerebral. Daquela, non sabía que ía ser un libro de literatura xuvenil nin que ía ter a trama que ten. Quería escribir unha historia que protagonizase e visibilizase a cuestión do dano cerebral.

-Por que esa constante na súa obra de visibilizar persoas doentes de determinadas enfermidades?

-Ten que ver coa miña actitude diante do mundo; penso que toda actividade que facemos é unha actividade política, no sentido clásico do termo, de interese polo mundo e intentar cambialo.

-Pódese facer coa literatura?

-A literatura ten que servir para mellorar o lugar onde vivimos e sinalar inxustizas, é unha constante na miña vida pública. Interésanme os desherdados da historia. Tendemos a pensar que as persoas con discapacidades ou con diversidade funcional non existen porque as colectivizamos ao falar dun colectivo determinado. Eu defendo en Iridium a existencia das persoas; son persoas, e logo resulta que ademais teñen síndrome de Down ou dano cerebral, etcétera. Só é unha etiqueta que vén despois.

-Neste libro fala do mundo real e das redes sociais. Que lle interesaba destacar?

-Non é casual que convertese a Iris, a protagonista do libro, nunha raíña de Instagram, porque esta é unha rede social basicamente de fotos, onde a xente entra a ver e xulga; o que se ve nesta rede son vidas felices. Iris é observada por milleiros de seguidores porque é unha muller moi guapa, porque ten os ollos de dúas cores, pero ninguén sabe o que de verdade lle pasa. Iridium é unha reflexión sobre a mirada dos outros; moitas veces, peor que o problema que temos é cómo nos fan sentir os demais diante dese problema. Por outra banda, creo que é imposible, a día de hoxe, escribir un libro protagonizado pola mocidade no que as redes sociais non formen parte da trama. Non sería crible.

-Como se constrúe unha personaxe tan especial como é Iris?

-Foi unha tarefa de documentación complicada pero, ao mesmo tempo, a máis grata do mundo. Tiña moito medo de facer un pastiche cheo de tópicos. Recorrín á asociación Alento e a Fegadace, que me remitiron a Andrea. Aínda que o libro non conta a súa historia, ela axudoume a configurar a personaxe de Iris. É unha rapaza que ten unha lesión cerebral. Para min era moi interesante que ela en primeira persoa me explicase como se viven certas situacións. Nesta ocasión fixen algo que xamais antes fixera: entregarlles o libro para que o lesen, e díxenlles que non o publicaría se non lles parecía ben. Estaba morto de medo, pero entusiasmounos. Eu quería ser honesto. A miña protagonista non quere dar pena, é unha rapaza normal, só que amais, nun segundo plano, ten un dano cerebral.

-Por iso conta unha historia de amor?

-Era moi importante porque non hai libros que aborden a cuestión do amor e o sexo desde calquera clase de disfunción; cústanos incluso imaxinar que unha persoa que vai nunha cadeira de rodas teña desexo ou algo similar. Iris é unha rapaza que vive o amor, e víveo intensamente, coma calquera adolescente, co mesmo grao de radicalidade. Todo está contado con total naturalidade, que é como hai que abordar todo, independentemente de cal sexa a situación de cada un.

-E o título? De que vén?

-Ten que ver co nome da protagonista e cunha característica de nacemento dela, ten heterocromía iridium, é dicir, ten un ollo de cada cor. Ela é especial, o que pasa é que a especialidade que ve o resto da xente é outra cousa, son as secuelas da súa lesión. Por iso dicía antes que este libro vai sobre a mirada dos outros.

-Hai algunha consideración moral no libro?

-Si, o libro é unha fábula e ten unha ensinanza final. Algunha xente que o leu dicíame despois que aprenderon a ver esa parte da realidade. Nun caso, unha muller díxome que lendo o libro decatouse de que tiña prexuízos e que non o sabía. Deume as grazas porque llos puxen diante dos fociños. Creo que, ao rematar o libro, faste preguntas.