Recrean a novela «Arnoia, Arnoia» cunha simbiose de teatro e circo

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

Quico Cadaval dirixe a peza de Pistacatro en coprodución co CDG

10 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Malabares, equilibrismo e danza, pero tamén palabra. Elementos do circo e do teatro danse a man baixo a dirección de Quico Cadaval na recreación sobre o escenarios das aventuras da novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Unha simbiose de artes escénicas a cargo da compañía Pistacatro, nunha coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), que poderá verse desde mañá ao 20 de outubro, de xoves a domingo, no Salón Teatro de Santiago.

Esta peza de teatro-circo Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena tivo o seu xerme hai un par de anos. «É un proxecto estimulante, excitante. Dalgunha maneira retirámoslle a Ferrín esa especie de roupaxe sagrada, detectando vida na súa obra», asegurou o director, Quico Cadaval, destacando a dificultade deste espectáculo, que, apuntou, foi ben acollido polo autor da novela «porque na súa infancia foi moi importante o circo».

Onte na presentación, ademais de Cadaval, participaron o director da Agadic, Jacobo Sutil; a directora do CDG, Fefa Noia; os produtores José Expósito e Belém Brandido, así como o elenco artístico, formado por Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio. «Arnoia, Arnoia é a demostración de que podemos levar un texto sofisticado á linguaxe da acción, do movemento», asegurou Ánxela Blanco en nome dos intérpretes.

Pola súa banda, José Expósito fixo fincapé en que o que máis lle gustou a Pistacatro á hora de abordar este proxecto foi que a peza fala da soidade dos nenos. Pola súa banda, a directora do CDG, Fefa Noia, destacou que se trata dun proxecto que une a unha compañía de referencia no ámbito do circo en Galicia cun director de gran traxectoria para traballar o imaxinario de Ferrín.

Con Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena, o CDG abre unha tempada que tamén incluirá o paso ata final de ano polo Salón Teatro de Santiago doutras dúas coproducións nas que participou a compañía pública. Trátase de Elisa e Marcela, de A Panadería (25-28 de outubro) e a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro), de Pablo Fidalgo (2 ao 4 de novembro). Precisamente, o director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou onte as coproducións como un método axeitado para facer espectáculos. Tamén incidiu nas representacións que se farán para os centros educativos, xa que supón buscar novos públicos para o teatro.