Teresa Salgueiro: «Hai moitas cancións galegas que me gustaría poder interpretar algún día»

Cantou «María Soliña» con Carlos Núñez hai anos, algo que «vai ficar na miña memoria para sempre», afirma


Santiago / La Voz

Teresa Salgueiro é un dos nomes que mellor identifican a canción portuguesa no mundo. Entre 1987 e o 2007 conseguiu proxección internacional, como a voz do grupo Madredeus. Despois, interpretando temas que ela mesma compón. O día 11, polas 20.30 horas, no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, ofrece a súa produción máis recente, no concerto con que comeza a edición deste ano do certame Cantos na Maré.

-Que expectativas ten perante a súa estrea neste festival galego?

-Fiquei moi feliz polo convite, que me veu a través da Uxía, a quen coñezo hai bastantes anos e que tiven o pracer de que me acompañase nun concerto en Tui hai pouco tempo. Pola información que teño, parece que este é un ano en que o festival se alonga máis días e ábrese a máis culturas.

-Vai interpretar «María Soliña», tema galego que cantou hai anos con Carlos Núñez?

-A verdade, non está previsto, non houbo tempo para preparar esta vez ese tema.

-Como valora esa experiencia?

-Aquela gravación foi feita en Portugal, aínda que xa me tiña encontrado co Carlos Núñez nun concerto, en Vigo. María Soliña é unha canción moi bonita. É unha historia tráxica sobre a vida dunha muller que, como tantas outras ao longo da historia, foi oprimida, sufriu represión violenta. A música é belísima e foi unha oportunidade de cantar en galego, que é unha lingua moi próxima á portuguesa. Gravei esa canción con alegría e vai ficar na miña memoria para sempre.

-É o único tema galego do seu repertorio?

-É verdade, é o único.

-Ten pensado algún máis?

-Non é unha idea que non me agrade, aínda que non houbo ocasión para máis. Alén desa colaboración co Carlos Núñez, teño traballado sobre outros repertorios e linguas, como a música napolitana; a do Brasil, que é un portugués diferente; mesmo dediquei un disco á América Latina de lingua española, con temas de países como o México, a Arxentina, Chile ou o Perú. Sería bonito facer máis cancións galegas, por que non? Coñezo moitas cancións galegas que me gustaría poder interpretar algún día.

-En «Cantos na maré» participan Portugal e outras culturas lusófonas. Que presenza teñen esas outras culturas na súa traxectoria?

-Gravei hai tempo unha canción nun disco dun músico de Cabo Verde, e tamén me convidaron para cantar en Lisboa coa Mayra Andrade. Foron as colaboracións máis directas que tiven con músicos de África. Estiven en Angola e en Cabo Verde; non visitei outros países e gustaríame moito poder ir. Tiven un contacto máis profundo con músicos brasileiros e co cancioneiro do Brasil.

-En Madredeus cantaba cancións que se facían pensando no seu estilo, agora fai a súa propia música. Como resulta esa mudanza?

-Exactamente, fago a miña propia música, aínda que duns anos para aquí comecei a recuperar algunhas cancións de Madredeus nos concertos, porque achei que iso tiña sentido, despois duns anos sen utilizar ese repertorio. Había persoas que o pedían, e é normal, porque me coñeceron cantando eses temas, que tamén fan parte do meu ADN.

-Como será este seu concerto de agora en Pontevedra?

-É o concerto que estou a presentar, Horizonte e memoria, que ten como fío condutor o meu segundo álbum de orixinais, Horizonte, editado no 2016. E o compoñente da memoria está representado por unha serie de arranxos que fixen de temas de figuras que son clásicos da cultura portuguesa, de música que me inspira, que para min é basilar.

-Que figuras?

-Amália Rodrigues, José Afonso e Carlos Paredes; e outros como Fausto, que talvez non se coñezan tanto. Penso que é importante que as músicas que recupero deses artistas continúen a ser recreadas e vividas.

«Non pensaba que a música se ía tornar na miña profesión»

«Galicia é unha terra que me encanta, que me deixa sempre esa sensación dun forte abrazo e dunha forte comuñón. Acho que hai un amor entre Galicia e Portugal moi especial e que será eterno», afirma Teresa Salgueiro.

-Na súa biografía constan inicios na música rock, punk...

-Iso non é exactamente así. Desde pícara, cantaba a todas horas e as miñas brincadeiras eran á volta do canto; aínda que non pensaba que a música se ía tornar na miña profesión. Por volta dos 15 e os 16 anos cantaba tamén para as miñas amizades. Nunha ocasión fun convidada para unha audición, porque no lugar estaban músicos que formarían o grupo Madredeus, e os meus inicios na música foron realmente con eles, cos Madredeus. Antes tiven convite para outra banda, coa que nunca gravei, aínda que se soubo e ficou na historia.

-Como valora o disco «Horizonte» na súa produción?

-Relaciona os soños coa liña do horizonte, o que é un convite para facermos un camiño en dirección a aquilo que imaxinamos que podemos construír. O horizonte é unha liña que nunca se atinxe, muda a medida que camiñamos; e os soños tamén nos transforman, e fan parte da nosa vida, de sermos pensantes, de podermos observar os trazos máis nobres, e os menos nobres, da natureza humana.

-Portugal celebra o 20.º aniversario do Nobel de Saramago. Que opinión lle merece?

-É un escritor extraordinario, único, a súa escrita é moi orixinal, e son moi valiosas as súas ideas de coraxe, de perseguir ideais, como en Ensaio sobre a cegueira. Tamén me interesa a súa denuncia da inxustiza, a incomprensión sobre o dominio do home sobre o home, que eu tamén vexo tremendo e incomprensíbel, e sobre o que me ocupo nas miñas cancións.

-Que proxectos ten agora?

-O ano próximo vou presentar un novo concerto, que aínda é un pouco cedo para anunciar. E teño vontade de gravar novo repertorio orixinal. Preciso tempo de retiro para traballar na música e nas palabras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Teresa Salgueiro: «Hai moitas cancións galegas que me gustaría poder interpretar algún día»