Cibrán Sierra, violinista: «O gran cabalo de batalla da música na actualidade é a educación»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O Cuarteto Quiroga está formado por Aitor Hevia, Cibrán Sierra, Josep Puchades e Helena Poggio (de esquerda a dereita)
O Cuarteto Quiroga está formado por Aitor Hevia, Cibrán Sierra, Josep Puchades e Helena Poggio (de esquerda a dereita) Cedida

O Cuarteto Quiroga foi distinguido este mércores co Nacional de Música como premio á súa traxectoria e ao seu labor docente

14 may 2019 . Actualizado a las 17:16 h.

O Cuarteto Quiroga recibiu onte o Premio Nacional de Música na modalidade de interpretación -a de composición recaeu en Javier Darias- por ser unha formación «singular» na nova xeración de cuartetos e polo seu compromiso co labor docente. O violinista Cibrán Sierra (Ourense, 1979) compón a formación, xunto con Aitor Hevia, Helena Poggio e Josep Puchades; o grupo toma o seu nome do célebre músico galego.

-Como reciben o premio?

-Primeiro, cunha certa sorpresa, e sobrecollidos pola súa envergadura, sobre todo vendo a listaxe de premiados. E logo, unha ledicia xigantesca porque se recoñeza todo o traballo destes anos. Tamén axuda a seguir traballando na mesma dirección, crecendo e divulgando a memoria musical de Manuel Quiroga, que foi un dos motores fundamentais da creación do cuarteto. Moi felices. A vida do músico é dura, non sempre recibes moito apoio institucional e entón, evidentemente, estas cousas son motivo de ledicia e a ocasión para lembrar ás persoas e institucións que, sobre todo nos primeiros anos, teñen estado ao noso carón.

-O xurado di que son unha formación singular da nova xeración de cuartetos. Onde radica?

-Habería que preguntárllelo a eles [risas]. Temos un compromiso importante coa recuperación do patrimonio musical propio, de levalo a todos os recunchos do mundo. Iso vai dende o propio nome do cuarteto á elección do repertorio e á vontade de facer unhas lecturas interpretativas máis renovadoras e que propoñan reflexións sobre o traballo interpretativo. Tamén, o compromiso coa creación musical contemporánea, estreando música nova, todo o que nos deixan e a que podemos, que non sempre é toda a que queremos. E o compromiso docente de compartir o que significa o formato do cuarteto de corda como un espazo ilustrado, de diálogo, é algo no que estamos moi implicados.

-É autor dun libro sobre os cuartetos de corda, no que di que a suma dos seus compoñentes dá un resultado maior. Como adxectivaría o seu cuarteto?

-Usando palabras moi galegas, bo e xeneroso. Levamos moitos anos esculpindo unha relación entre os catro que está baseada na xenerosidade, na escoita e no apoio mutuo. Os froitos sempre son máis significativos e emocionantes porque saben moito a traballo verdadeiramente de equipo, no que cadaquén achega o seu gran de area, o que multiplica o valor do resultado.

-Antes falaba de falta de apoio institucional, un tema que aparece acotío. Pero, alén diso, como está a música en Galicia?

-Creo que é moi necesario decatarse das cousas boas do camiño percorrido ata o de agora, non sempre coa maior das sensibilidades por parte das grandes institucións públicas nin privadas. Pero, a pesar de todo, en Galicia, coma no resto do Estado, hai un momento moi interesante, interpretativo e compositivo. O meirande problema, creo, e cabalo de batalla nestes momentos, é o da educación, onde se está xogando o presente máis inmediato e o futuro. Está practicamente fóra dos plans de estudo da educación regrada non especializada. Os conservatorios están infradotados e xestionados dun modo particularmente nocivo para o bo desenvolvemento das súas funcións. Os conservatorios superiores son xestionados coma se fosen institutos de ensino medio. A valoración da traxectoria individual, da investigación, non existe. É como pensar nunha universidade que castigase aos profesores que se dedican á investigación ou que publican en revistas ou van a congresos. Iso ocorre nos conservatorios superiores, e nos medios tamén. Os profesores son castigados por concertos, non se contan os discos, as publicacións, os concertos, e iso repercute na calidade que os docentes poden ofrecer aos seus alumnos.

«Tocar cos Stradivarius das Coleccións Reais foi un privilexio»

O Cuarteto Quiroga ten previstos concertos este mes en Holanda e mais en Alemaña, mentres que en novembro actuarán en Suíza e Portugal.

-Que outros proxectos teñen para esta tempada?

-Temos unha tempada que abrimos agora en outubro chea de concertos moi interesantes, con xente como Martha Argerich. Faremos unha xira por Italia, en Venecia, Boloña e Florencia. Tocar con ela sempre é extraordinario, é case unha lenda viva. En breve sacaremos o noso vindeiro disco, que está dedicado a recuperar o patrimonio musical do Barroco que se escribiu en Madrid, e que entre outros compositores figura un moi vinculado a Galicia, João Pedro de Almeida, que traballou como mestre de capela en Mondoñedo e logo veu para Madrid. Facemos un dos cuartetos de Almeida. Fainos especial ilusión porque nos permite recuperar patrimonio musical propio, que logo levaremos a concertos internacionais e así compartímolos co mundo enteiro.

-Que porcentaxe do premio cre que lle deben aos Stradivarius das Coleccións Reais, que puideron utilizar en diversos concertos?

-[Risas] Foi unha sorte para nós, pero unha mágoa que agora, que a nosa intención era recuperar en disco con eses instrumentos un repertorio que probablemente ademais estrearon, xa non vai poder ser. Patrimonio Nacional non o autorizou e é unha mágoa, porque significaría facer unha dobre recuperación, tanto dos instrumentos como da música en si mesma. Pero farémolo cos nosos instrumentos e quedará igual de ben, pois temos a sorte de ter todos instrumentos do século XVIII. Estamos ben armados. Pero si, foi unha oportunidade extraordinaria, que agradecemos moito, foi un privilexio. Dá mágoa que non se toquen máis e que cando xurdan outros proxectos non saian adiante.