Carlos Blanco: «Para min, Galicia é unha mina»

CULTURA

O actor segue enchendo teatros con Touriñán, continúa facendo monólogos e estuda varias ofertas de series de televisión

02 oct 2018 . Actualizado a las 13:12 h.

A esta entrevista cheguei cun pouco de medo. Carlos Blanco (Vilagarcía, 1959) cítame despois dunha visita ao dentista, a onde ía perder unha moa do xuízo, circunstancia claramente indesexable. Por fortuna, a médica amnistioulle a peza e a conversa foi cordial. Co seseo propio da Illa de Arousa, sobre a que podería facer unha tese, Carlos, coma moitos humoristas, móstrase menos divertido na distancia curta. E máis profundo, claro.

-Xa perdeu todo o xuízo (pola moa, digo)?

-Quédame a metade. Déronlle unha prórroga á que me queda.

-Que está a facer agora?

-Estou estudando tres ofertas de rodaxe para o inverno: series para televisión. E tamén actuando cos meus monólogos e outra vez con Touriñán. Vendemos 30.000 entradas anticipadas. Non sei cantas obras de teatro en España poden dicir iso. E o ano que vén volverei facer un espectáculo con Luis Davila.

-Como se meteu na farándula?

-En Vilagarcía, con 18 anos, creamos un grupo de teatro que se chamou Ítaca. Tiñamos un director que viña de traballar con grandes mestres e fomos os primeiros en Galicia, creo, en aplicar a técnica do Actor’s Studio. No medio traballei moitos anos na radio. Case vinte. E logo decidín volver ao teatro e ata hoxe. Non volvín á radio, aínda que volverei.

-Os da radio son coma os do teatro, moi do seu medio.

-Porque é o máis directo. No teatro hai unha resposta inmediata ao teu traballo. No cine é moi posterior. Eu recibo agora mensaxes por cousas que fixen hai anos. E algún pequeno cheque.

-Ha, ha.

-Si, si. Podo recibir un cheque de Finlandia de 15 euros por Volver de Almodóvar. E dis: «Está ben. Vou comprar unha botella de algo».

-Onde se sente máis a gusto, no teatro?

-Buf. Eu estou a gusto choiando. O bonito disto é variar. É o que me presta do noso oficio: non saber onde vas estar traballando dentro de dous meses.

-Iso igual non presta tanto.

-Xa, pero tes que acostumarte a esa vertixe.

-Como era de pequeno?

-Era bo rapaz e bo estudante. Lía moitísimo debaixo da mesa do comedor da casa, que era o meu refuxio. E tamén me gustaba xogar ao fútbol, ao baloncesto, coller a bici para arriba e para abaixo...

-Botaríano da clase algunha vez.

-Unha vez, creo. Eu era un tipo de notas. Empecei Arquitectura, pero non fun capaz de sacala adiante. Pero a miña vinganza chegou hai dous anos, cando tiven que presentar a gala dos arquitectos de Galicia, e a metade estaban no paro. Non quixen facer moito sangue.

-Como lle explicaría Galicia a un tipo de Nova Zelandia?

-Para un de Nova Zelandia é fácil. Diríalle: tamén hai kiwis... É coma aquilo, pero máis desorganizado. Para min, Galicia é unha mina. Supoño que un humorista estremeño dirá o mesmo do seu.

-Que lle gusta facer cando ten tempo? Igual é deses que non o sabe perder.

-Sei perdelo. Moi ben ademais. Estou tolo polo pádel. Gústame xogar un partido ao día. Gústame navegar, tamén. No kaiak. E son moi fan de pasear. Pasear e pensar.

-Cando sae de Galicia, enténdeno igual?

-Non teño ningún problema. Vou a Segovia e esmendréllanse coa risa. O noso humor é exportable. Se é bo humor, por suposto que é exportable.

-Piedrahita di que o humor é un superpoder.

-Si. E a min dáme de comer, axúdame a vivir.

-Á hora de ligar, mellor ser gracioso ca ser guapo. Ou non?

-Non sei, pero as mulleres aprecian a quen lles fai rir. Aínda que tamén aprecian ao guapo, ha, ha. O humor é unha arma. Por iso eu vivo nun sitio tan benhumorado, que é unha moi boa definición da Illa de Arousa.

-Hai moitos bos humoristas en Galicia. Ten o galego unha capacidade especial para o humor?

-Si, porque é unha arma defensiva. Esa forma de entender a vida, esas frases marabillosas... Teño unha que me regalaron que é xenial: «Onde non hai luces non se poden poñer contadores».

-De que se ri vostede?

-De moitas cousas. Os cativos fanme rir moito.

-Que lle tería gustado ser?

-Deportista profesional. Gustábame o baloncesto.

-Celta ou Dépor?

-Non pregunte. Este ano non queremos abusar.

-Namorouse moitas veces?

-Son monógamo. E si que namorei varias veces. E as dúas veces que casei, dende logo. Son reincidente.

-Cociña?

-Si, aínda que non moito. E dende que souben da Thermomix...

-Se me deran un euro por cada vez que escotei isto...

-Se mo deran a min por cada vez que me preguntan se gozo máis na tele ou no teatro...

-Ha, ha.

-Eu devólvoas todas.

-Polo pádel, claro. Dígame unha canción.

-Terra, de Caetano Veloso.

-Que é o máis importante na vida?

-Gozar e facer gozar.