Cita con Noriega Varela

CULTURA

28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaría ben que, desde agora mesmo, comezásemos a traballar na reivindicación e recuperación do noso grande poeta Antonio Noriega Varela, para así poder celebrar cumpridamente o ano que vén (2019) o 150.º aniversario do seu nacemento. Porque Noriega é un gran poeta que aínda está por descubrir, quizais porque non foi un bardo intelectual, senón un vate radical (da raíz) que soubo beber no cerne da nosa alma labrega. Nos seus versos está quizais o retrato máis fiel e máis enxebre do carácter e da ollada campesiña. Se cadra porque Noriega, que sabía latín, non aprendeu dos libros, senón dos veciños, aos que convocaba na súa casa, de un en un, para intentar recuperar a fala orixinaria, a que xa se comezaba a perder e que el quería rehabilitar e restablecer. Isto é, a lingua que, de certo, era a propia e que medrara sen ditames intelectuais.

Quizais non sexa doado de explicar, porque Noriega tampouco verbalizou a súa teoría da recuperación lingüística. Pero, se un percorre os seus pasos e le os seus libros, axiña descobre o rastro dun grande esforzo por volver ás raíces, por coñecelas e por rehabilitalas. Aí temos ao gran poeta lírico, humanista, neovirxiliano se se quere, que abriu a vía dun humanismo case hippy, moi vencellado á paisaxe habitada de Galicia. Da súa obra aprenderon grandes poetas como Xosé María Díaz Castro, Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño e, ao seu xeito, Uxío Novoneyra.

Polo demais, e malia ter sido expulsado do seminario de Mondoñedo, el sempre defendeu a Igrexa católica, e durante a República negouse a obedecer a orde de retirar os crucifixos das aulas (no seu caso, da escola de Chavín, en Viveiro). Pero non foi ningún fascista. Sei que é complicado avanzar por estes vieiros arrevesados, pero debe facerse, porque non vale con chafallar terxiversacións. E mesmo se o que eu afirmo aquí non casa coa realidade, tamén deberá ser debidamente rectificado (por min, xaora).

A realidade é que temos que volver co poeta Noriega Varela, por máis que se lle queiran discutir algunhas actitudes. E temos que volver porque a base real da nosa lingua está neses versos dunha fidelidade absoluta e profunda a unha terra que é a nosa.