Adeus a un pioneiro do teatro galego, peza clave na súa profesionalización

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

J. M. CASAL

Gran referente das novas xeracións da escena, Xan Cejudo dedicou a súa vida ao oficio dramático

28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Actores de Galacia (AAAG) outorgoulle no 2011 o premio de honra Marisa Soto no marco dos María Casares, en recoñecemento á súa fecunda traxectoria e ás súas achegas fundamentais ao camiño de profesionalización do teatro en Galicia. Nada define mellor a Xan Cejudo (A Coruña, 1947), actor, dramaturgo e director teatral, unha vida dedicada á escena dunha maneira apaixonada e case exclusiva, desde que se iniciara na década dos anos sesenta coa mítica agrupación O Facho. A AAAG lamentaba onte o falecemento deste mestre de actores e directores que deixou unha fonda pegada técnica e intelectual no oficio, co seu paso por compañías como o Centro Dramático Galego e Moucho Clerc, e tamén polo sector audiovisual galego, onde é recordado polas súas aparicións en series como Pratos combinados ou Mareas vivas. Os actores galegos admiran o seu traballo, a súa implicación e o seu compromiso, que fixeron del un referente para as xeracións que viñeron detrás. «Grazas a persoas como Xan Cejudo, abriuse o camiño polo cal a profesión da escena naceu, medrou e se consolidou no noso país», enxalzan fontes da asociación. A súa traxectoria abarca gran parte dos oficios teatrais, xa que exerceu de autor, de director, de axudante de dirección e de actor nun gran número de proxectos, nos que mostrou o seu talento e a súa dedicación, gañándose o respecto dos compañeiros e do público.

Regresou a Galicia o mesmo ano que se fundou o CDG e, a partir de aí, fixo unha vintena de espectáculos coa compañía pública, como lembraba ante a concesión do Marisa Soto o entón presidente da AAAG, Antonio Durán Morris, quen coincidiu con Cejudo en 1984 xa na primeira montaxe do CDG: o Woyzeck, de Georg Büchner, dirixido por Xúlio Lago; unha representación na que, por certo, tamén actuaba a propia Marisa Soto. No 2006 recibiu o María Casares ao mellor actor polo seu traballo na adaptación de Tío Vania, de Chéjov.

Cejudo interpretou personaxes episódicas en series estatais como El comisario, Periodistas, Policías ou Cuéntame. E participou en filmes como Morrer no mar, de Alfredo Rabuñal, e Matachín, de Jorge Coira. Un dos seus derradeiros papeis foi o dun vello narco que fixo para o thriller de Paco Plaza Quien a hierro mata, rodado este mesmo ano e que conta con Luís Tosar no seu elenco.