O conselleiro de Cultura destacou durante o acto desenvolvido no Instituto Camões o valor do bilingüismo na aprendizaxe doutros idiomas
27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.«Os galegos temos a inmensa sorte de contarmos cun idioma propio, porque dominarmos dúas linguas case desde o berce fainos ser moito máis hábiles na aprendizaxe doutras novas e, se estas están tan próximas ao galego coma o portugués, aínda moito máis», afirmou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, durante a celebración do Día Europeo das Linguas. O acto tivo lugar na sede do Instituto Camões de Vigo, e xunto a García participaron Ignacio López-Chaves, delegado territorial da Xunta en Vigo, e Carla Sofia Amado, directora do Instituto Camões. O acto incluíu un concerto multilingüe de Carolina Rubirosa, vocalista do grupo The Funkles, quen estivo acompañada polo guitarrista Rafael Otero. Este grupo é coñecido polas súas versións de The Beatles en galego, que mesmo chegaron a interpretar en The Cavern, o local que acolleu as primeiras actuacións do grupo de Liverpool. Valentín García incidiu en resaltar o valor do coñecemento do maior número posible de linguas. «Hoxe en día, coido que somos conscientes da importancia de sabermos idiomas e, sobre todo, da importancia de aprendermos inglés, pero eu quero chamar a atención sobre o relevante que é, tanto desde un punto de vista cultural como desde un punto de vista económico, coñecermos as linguas dos que temos máis preto», sinalou pouco antes de que se coñecera a remodelación do goberno autonómico, que o deixa á fronte da Consellería de Cultura e Turismo, deixando o departamento de Educación.
O Consello de Europa creou no ano 2001 a celebración o 26 de setembro do Día Europeo das Linguas, cos obxectivos de destacar a importancia da aprendizaxe de linguas e diversificar a variedade de idiomas que se estudan para así incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural, preservar e promover a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa e promover e potenciar a aprendizaxe permanente de linguas tanto dentro como fóra dos centros educativos. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, súmase cada ano a esta conmemoración cun acto de sensibilización e coa difusión do traballo que se fai nos centros educativos arredor deste día da man dos equipos de dinamización da lingua galega.