A Roda e o Festival de Cans, entre os premiados da Cultura Galega

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

cedida

O grupo vigués acumula cinco décadas sobre os escenarios

25 sep 2018 . Actualizado a las 13:19 h.

O grupo A Roda, o Festival de Cans, Ramón Villares, Xosé María Álvarez Cáccamo, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, Luz Darriba, Antón Santamarina e a asociación O Sorriso de Daniel foron distinguidos onte cos Premios da Cultura Galega. Na modalidade de Letras o premio foi para Álvarez Cáccamo, poeta cunha prolífica obra e investigador do xénero, que tamén cultivou o relato breve e o teatro. No eido de Artes Plásticas, o galardón recaeu en Luz Darriba. Nada en Montevideo e afincada en Galicia dende 1990, é autora de 40 microaccións urbanas, entre as que destacan o proxecto Cumulum, co que rodeou a muralla de Lugo con máis de medio millón de libros.

No apartado de Música, o recoñecemento é para A Roda. O grupo acumula cinco décadas sobre os escenarios. En Audiovisual, o premio valora o Festival de Cans como punto de encontro da creación e de talentos emerxentes, igual que o FIOT de Carballo, que dende 1992 chegou a converterse nunha cita de referencia para a escena. O Sorriso de Daniel, asociación que defende e apoia a conservación do patrimonio medieval, recibe o premio en Patrimonio Cultural. Por último, Antón Santamarina, un referente da lingüística, é homenaxeado pola súa ampla traxectoria no apartado de Lingua, e Ramón Villares no de Proxección Exterior, co impulso de Galicia no estranxeiro dende a presidencia do Consello da Cultura.