O Nacional de Xornalismo Cultural distingue a traxectoria de Ana Romaní

O xurado destacou a súa «visión de feminismo crítico e compromiso social»


Redacción

Ana Romaní (Noia, 1962) vén de sumar un novo galardón á súa longa traxectoria como xornalista. Precisamente o Premio Nacional de Periodismo Cultural, que convoca o Ministerio de Cultura e que está dotado con 20.000 euros, distinguiu onte esa dilatada e sólida carreira, alicerzada principalmente sobre dous eixes: a expresión radiofónica -en diversos rexistros- como vehículo primordial para a comunicación da cultura, con énfase especial na propia de Galicia en toda a súa amplitude.

O xurado, na súa resolución, destacou o extenso percorrido de Romaní no eido xornalístico, así como «o seu constante traballo de promoción da cultura e da radio con formatos propios». A acta tamén fixo fincapé na «visión de feminismo crítico e compromiso social» da galardoada.

O premio do ministerio súmase a outros recoñecementos a Romaní este ano. No mes de marzo o plenario da Real Academia Galega acordou elixila como membro de número para ocupar a vacante que deixou o pasamento de Xohana Torres. En maio, a Gala do Libro Galego recompensou o seu traballo co premio no apartado de xornalismo cultural á fronte do emblemático programa Diario Cultural, que levaba en antena na Radio Galega dende o ano 1990. Meses antes, o veterano espazo foi cancelado no seu formato tradicional e substituído por emisións máis curtas ao longo da programación da canle autonómica, mantendo o mesmo nome, o que ocasionou numerosas queixas e unha campaña para devolver o Diario Cultural ás súas características anteriores. Naquela ocasión, Romaní reivindicou un xornalismo que fose máis alá dunha mera enumeración dos actos da axenda do día.

O Diario Cultural, que recibiu os eloxios do xurado do Premio Nacional, distinguiuse pola variedade de xéneros -da crónica á entrevista e á crítica ou aos faladoiros- e por levar a creación cultural máis alá da emisión hertziana. Este afán deu lugar a iniciativas como a publicación do libro Narradio. 56 historias no ar, recompilación de narracións literarias; a recuperación do formato do teatro radiofónico cun certame baseado no xénero; ou o proxecto De Cantares hoxe, arredor de Rosalía de Castro.

Ademais da súa faceta como xornalista, que inclúe un breve paso a finais da década dos oitenta por Radio Nacional de España, Ana Romaní é coñecida polo seu labor poético, no que como autora deu ao prelo libros como Arden, Das últimas mareas ou Estremas, asinados co seu nome, ademais dunha abondosa participación en obras de carácter colectivo, igual que tomou parte noutros proxectos de tipo artístico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

O Nacional de Xornalismo Cultural distingue a traxectoria de Ana Romaní