Cantos na Maré ábrese a novas culturas e estilos

O brasileiro Chico César, a portuguesa Teresa Salgueiro e a galega Mercedes Peón encabezan o cartel do festival da lusofonía


Pontevedra / la Voz

O Festival Internacional da Lusofonía afronta a súa décimo cuarta edición cunha reorientación dos seus contidos, aberto a máis culturas, máis xéneros e máis públicos. O novo Cantos da Maré desenvolverase en varios espazos da cidade de Pontevedra do 11 a 14 de outubro, e entre os artistas que conforman o cartel atópanse nomes coñecidos como a portuguesa Teresa Salgueiro, ex-vocalista de Madredeus, o brasileiro Chico César e a galega Mercedes Peón, que presentará o seu quinto disco, Deixaas.

Do outro lado da raia chegarán tamén as rapeiras Capicúa e Eva RapDiva, que compartirán escenario coa galega Wöyza. E ademais poderase escoitar o rock e o kuduro luso-angolano de Throes & The Shine; o son mozambicano de Selma Uamusse; os ritmos brasileiros de Bia Ferreira e Marcos Suzano, considerado un dos mellores percusionistas do mundo, e as composicións do cantautor caboverdiano Mário Lúcio.

Varios destes artistas participarán tamén na gala final do festival, xunto aos integrantes do espectáculo Ath-Thurdá, impulsado polo concello portugués de Évora dentro das accións promocionais da súa candidatura como Cidade Europea da Cultura en 2027. Neste proxecto participan os artista Kepa Junkera, Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes e Celina da Piedade, entre outros.

Sen abandonar a idea orixinal da lingua como conexión de Galicia con outras culturas, outros países e outros continentes, Cantos na Maré inicia una nova etapa dando un paso máis adiante, como puxeron onte de manifesto os seus patrocinadores na presentación do programa. «O Festival quere atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos, sempre coa música como gran nexo de unión, desde a música de raíz ás músicas urbanas, pasando polas voces corais e a polifonía».

Outros contidos

Na programación haberá tamén novos contidos, como a gastronomía, a narración oral, o cine ou a danza, e novos escenarios para espallar as actividades por toda a cidade de Pontevedra. Á sede habitual do Pazo da Cultura sumaranse este ano outros espazos abertos co propósito de divulgar e revalorizar o patrimonio da capital do Lérez.

O Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Secretaria Xeral de Política Lingüística, son os principais patrocinadores deste festival, referente internacional e de intercambio de experiencias musicais entre países do Atlántico.

O festival de música lusófona celebrarase do 11 ao 14 de outubro en Pontevedra

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Cantos na Maré ábrese a novas culturas e estilos