«O galego é a miña fala, pero o castelán é unha lingua preciosa para cantar»

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

O músico Emilio Rúa presenta mañá no Gaiás un disco no que fai dúos con Víctor Manuel, Josele Santiago ou Rozalén

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Estamos moi pendentes da música dos Estados Unidos, seguimos de preto o que soa en Gran Bretaña, pero non sabemos o que fan os nosos veciños, ignoramos as músicas que saen de Valencia, Teruel ou Cataluña». Quen así fala é o músico ourensán Emilio Rúa (As Vendas da Barreira, 1976), que cre que hai que facer un esforzo por proxectar ao exterior a cultura propia: «Debemos traballar para que se coñeza en España, xa é hora de que a música galega chegue a outras zonas de España. Temos que facer que se nos escoite máis, incluso nas emisoras comerciais; non sei de que maneira, pero hai que logralo», incide. Con esta filosofía chega ás tendas Duetos, o seu último álbum, que presenta mañá ás 9 da noite no Gaiás, en Santiago. Co piano e a guitarra, facéndose acompañar de contrabaixo e batería, debullará un disco cheo de estrelas, como confirma a presenza na velada de Víctor Manuel.

Este é un traballo diferente, apunta, para admitir que os duetos asócianse normalmente aos artistas veteranos, de longas carreiras, como homenaxe. Porén, el o que buscaba era cantar cos artistas que admira, que lle din algo «no mundo da música tal e como está hoxe en día, e tal e como está a música galega». Aí están Josele Santiago, Rozalén, Carmen París, La Shica, Luis Pastor, Sole Giménez, Javier Ojeda, Rosa Cedrón, Javier Álvarez...

Esta falta de complexos venlle dunha educación moi especial: «Sempre tiven ese rollo propio das orquestras de tocar as cancións dos artistas que me gustaban», aínda que aquí a maioría foron compostas por el. A súa escola foi a orquestra familiar, a que tiña seu pai e na que tocaban tamén os seus catro irmáns máis (ata se incorporou despois un cuñado). En Concorde Atenea estivo desde os 7 aos 15 anos, percorrendo os camiños e as verbenas de Galicia e incluso as de fóra: Portugal, Asturias e Castela.

É por iso que, di, non ten problema en cantar tamén en castelán: «Cantei moito en castelán e ata algunha canción gravei. As que se cantan en castelán neste álbum non foron por reticencias do artista convidado, foi cousa miña. E creo ademais que é algo que é necesario facer en Galicia. O castelán é unha lingua preciosa para cantar». Buscaba sobre todo darlle diversidade ao disco. E insiste: «O galego é a miña lingua. Pero é que ademais culturalmente teño outra lingua que falo perfectamente, o castelán».

Neste sentido, non teme o rexeitamento nin a crítica. «As barreiras mentais de cadaquén ponas cadaquén. Eu fago a música que me gusta, na lingua que me gusta, porque canto coa emoción, non me move a política. O idioma non debe ser unha barreira, o público debería velo así», asegura.

E volve sobre o asunto para dicir que todos os convidados querían cantar en galego. O gran reclamo para moitos deles, relata, foi a posibilidade de cantar en galego, nunha lingua diferente á súa; por suposto, despois de que lles gustase a canción que lles propoñía. «Que o vexan tan fácil os de fóra e que en Galicia -lamenta- aínda esteamos así...».

Algunha frase ou pronunciación, recoñece, houbo que traballar, puntualmente, pero saíu todo da forma «máis natural». A maioría destes músicos veñen moito a Galicia, e «están familiarizados co idioma porque son artistas e empápanse da cultura alá onde van», sinala. Incluso deixou pasar algún fallo (un ou dous, non hai máis) porque «soaba auténtico, gracioso, un pouco como cando os americanos gravan algo en español estilo Nat King Cole».

Unha irmá súper moderna

O gran piar deste proxecto é Víctor Manuel, o primeiro co que contactou. O do cantautor asturiano é unha vella paixón: «Eu xa o escoitaba de pequeniño porque tiña unha irmá maior que era fan desde sempre da súa música. É curioso porque, sendo tan súper moderna coa música como era, naquela efervescencia dos oitenta, encantábanlle as súas cancións da mina. De feito, segue a ser fan incondicional». Para Emilio Rúa, «Víctor Manuel é un referente no mundo da música, a onde chegou, o que conseguiu, as súas cancións...». Investigou o seu cancioneiro e topou con Canción pequeña, e deu a casualidade de que o seu autor, pese a que é pouco coñecida, sente tamén grande aprecio por ela, «é unha das súas preferidas». Todo foi sobre rodas.

Pero a maioría dos temas son compostos polo músico ourensán, coa excepción de Canción pequena; Você, do brasileiro Tim Maia; e Se ti te vas, que é a versión galega de Abrázame de Julio Iglesias.