O investigador que rescatou a memoria e a voz da emigración galega en México

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O inesgotable activismo cultural de Elixio Villaverde García animou as vilas polas que a súa profesión da docencia o levaba

15 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Foi un home dunha grande implicación social e cultural, moi xeneroso e cunha enorme capacidade para mover á xente á participación. Un motivador, un axitador». Quen así define a Elixio Villaverde García (O Irixo, 1954) é o poeta -e veciño seu, desde O Carballiño- Luís González Tosar, que onte o lembraba nos últimos anos do franquismo, sendo moi novo, poñendo en marcha no seu concello a Asociación Cultural e Deportiva O Testeiro, un foco de liberdade polo que pasaron o teatro de Vidal Bolaño e a música do Movemento Popular da Canción Galega (antes de Milladoiro), e desde a que se vendían aos máis inquedos os libros de Castelao, Beiras, Blanco Amor e tantos outros.

A vida de Villaverde foi un inesgotable proxecto de activismo cultural, que animou aquelas vilas polas que a profesión da docencia o levou: Cedeira, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Teo ou Ourense. El estivo detrás da creación da Sociedade Cultural Chirlateira de Cedeira (que despois alumou a revista Olláparo), da revista A Caramecha, dos Xoves Culturais do Barbanza, do Festival Rock do Barbanza... Onde detectaba unha eiva, unha reivindicación, un compromiso, poñía os cimentos para erguer un colectivo que reactivase o tecido asociativo. Ata andou metido na Plataforma pola explotación racional do monte no Carballiño. E, por suposto, foi membro de Nova Escola Galega.

Porén, todo iso non lle restaba tempo para a súa vocación vital, a historia. Doutorouse na Universidade de Santiago e, máis alá da súa tarefa como profesor, centrou o seu percorrido na investigación. O eixe do seu interese foi a emigración en México e a memoria da Segunda República e a Guerra Civil.

Aztecas emplumados

Todo ten sentido. El mesmo dicía que o primeiro libro ilustrado da súa nenez -antes das aventuras dos cómics do Capitán Trueno e do Jabato- foi México a través de los siglos, «ateigado de pirámides e de aztecas emplumados». Tampouco iso parecía casual. A súa adolescencia estaría marcada pola ausencia dos seus irmáns maiores, temporalmente emigrados a América. Esta circunstancia persoal apuntalouse cunha forxa no galeguismo e no nacionalismo, que agromou escoitando a Otero Pedrayo, ao Xocas e despois, xa na universidade, a Beiras ou a Ferrín.

A súa tese de doutoramento sobre a presenza da emigración galega en México foi un fito -sinala Tosar- ao que dedicou sete anos de traballo e que fundamenta o seu libro Pioneiros na corrente do Golfo. Tosar subliña que Villaverde estudou non só a terceira ondada, a económica, a de Avión, Beariz..., senón tamén a primeira, a de comezos do século XX, e a política, a dos exiliados despois da guerra. Apenas dous anos despois recibiu o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais polo seu ensaio Galegos en México (1878-1936), unha prolongación natural do traballo anterior.

«Era un home moi vivencial, moi dinámico, moi activo e sempre ao tanto dos movementos estéticos e literarios», evoca Tosar. Así foi como mantivo moita vinculación cos artistas exiliados en México e como rescatou e deu nova voz a figuras como a galeguista Luísa Viqueira e o filólogo e fundador do Partido Galeguista Ramón Martínez López.

Pero a súa virtude non remataba no negro sobre branco, el era un divulgador sobre o terreo. Tiña unha grande capacidade sintética e unha amena charla, o que facía del un conferenciante de demostrada habelencia.