Borges e Cunqueiro

CULTURA

15 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa 32 anos que Borges finou en Suíza. Un xenio literario inesquecible: lúcido ensaísta, grande poeta e magnífico mestre renovador do relato fantástico, cunha habilidade asombrosa para combinar o universal co local. Escoitalo era simplemente un pracer do que gocei, aínda que o tempo con el sempre parecese ser pouco.

Borges dicíao todo con tanta dozura e tanto talento que era imposible non crerlle. Porén, era rechamante que non sempre dixese o mesmo. Por exemplo, pódese observar que, despois de ter afirmado que os seus contos preferidos eran El Aleph, La intrusa ou El Sur, sorprendía cunha negativa rotunda: «Non, non, agora o meu conto predilecto é Ulrica, unha rapaza norueguesa que está nun lugar moi culto: York». E logo engadía: «Pero hai xente que di que o meu mellor conto, ou quizais o único, é Funes, o memorioso...». E así seguía, como comprobou a escritora arxentina Reina Roffé cando foi entrevistalo para un libro de conversas.

En España sempre houbo escritores e críticos que atoparon gran proximidade entre Borges e Cunqueiro. Luis Antonio de Villena é un deles. Francisco Umbral situaba a Cunqueiro por riba dos latinoamericanos en xeral, e xente como Mutis, Torrente ou Magris dábanlle a razón. Aínda que Cunqueiro admite tantas interpretacións que os argumentos non sempre coincidían. Isto merecería un estudo, porque non coñezo outro autor que motive lecturas tan diversas.

Non obstante, é preciso recoñecer que o propio Cunqueiro, sen facer desmentidos rechamantes, deixaba ver as proximidades que el sentía. A súa maior identificación non era con Borges, ao que lle recoñecía moitos méritos e co que admitía coincidencias temáticas, senón co cubano Carpentier, un escritor de ollada barroca que entronizara a expresión literaria do «real marabilloso» que tanto fascinaba ao de Mondoñedo. Porque é certo que Cunqueiro andaba cerca destas expresións da realidade, aínda que non coincidan. Habería que profundar nisto, porque eu tampouco teño noticia doutro autor que motive interpretacións tan plurais. Quizais porque, como afirmou Umbral, Cunqueiro sería un líder do bum latinoamericano… se fose latinoamericano, xaora.