Alzhéimer


Acórdaste de cando nos coñecemos? Aló polas témporas de inverno, no muíño albar, entre contos e bromas, nunha noite estrelada. Aquel lugar converteuse no fogar dos primeiros encontros. Coa fariña non só se preparaba o pan da festa, senón tamén o querer. Decotío chegaba cos pés mollados pola lama das corredoiras, pasando frío, mais pagaba a pena por estar contigo de troula. Moi ben bailabas, Avelina, ninguén o facía mellor. E arrincábasme un sorriso cando cantabas: «O carballo da portela/ ten tres carros de madeira;/ un é meu e outro é teu,/ o outro é de quen o queira».

O finado de teu pai quedou coas maquías, pero eu gañei algo moito máis valioso: o teu amor. Despois dos primeiros beixos ás agachadas, e a paixón das caricias, comezamos a coser retallos de ilusións. Non tardamos en casar, o día da Candeloria, a canda os paxaros, lembras? O sol lucía como a túa beleza, radiantes ámbolos dous. Estabas belísima de branco inmaculado. Logo, emprendemos xuntos o sendeiro da vida, miña prenda da alma.

A fame obrigounos a emigrar a Bos Aires, pero minimicei a morriña levando comigo un anaco de Galicia no verde dos teus ollos. Fomos tirando grazas á afouteza que tanto che admirei, dándono-l a indispensábel confianza para seguirmos adiante, a pesar dos pesares. Antes de que me apareza a Morte, xa sei o que é o Paraíso. Es un anxo, o motor da miña existencia, o bálsamo das penas… Por tanto, agasálloche no día do teu santo este ramo, expresándoche así todo o meu cariño. Son rosas, as túas flores preferidas, decátaste? Noutros tempos roubáballas no horto ao señor abade, don Gabino, ha, ha. Eu coido que se apercibía, pero el disimulaba. Un gran home, que Deus o teña na gloria, pois uniunos en matrimonio. Caes na conta de que son o teu marido? Non importa, estarei sempre ao teu carón recordándoche todo o que faga falla. Do que xamais te esqueciches foi de quererme. Iso seino.

Manuel Vila Falcón ten 40 anos, é de Cambados e traballa como persoal de limpeza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos

Alzhéimer