Plof, plof, plof

Alba Reigada Tierro

CULTURA

Alba Reigada Tierro. 28 anos. Verín. Xornalista

30 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A pedra do chan estaba mollada e os pasos de Uxía resoaban na escuridade plof, plof, plof. A lúa no ceo negro da noite parecía un gran faro. A imaxe era incrible. A praza do Obradoiro, completamente baleira, non había ninguén, silencio total e a catedral impoñente.

Plof, plof, plof os pasos seguían resoando... pero... De súpeto, Uxía sentiu un calafrío en todo o corpo. Plof, plof, plof, o son dos pasos contra a pedra do Obradoiro, continuaban firmes, a ritmo constante. Uns pasos que xa non eran só os dela. Estábana seguindo.

Plof, plof, plof, botou a man ao bolso. Sabía que se collía as chaves seguramente algo podería facer. Tiña tamén o móbil, pero non ía dar tempo a chamar. Non. As chaves eran mellor idea para defenderse.

Pasáronselle pola cabeza moitas cousas. Plof, plof, plof, soaban os pasos. Viu o seu último aniversario, o seu acto de licenciatura en Compostela, o Nadal... ata viu unha foto súa no xornal ao lado da palabra «suceso». Seguro que collían a que tiña de perfil no WhatsApp.

Os pasos cada vez máis cerca e Uxía co corazón a mil. O vestido azul de flores amarelas abríaselle un pouco no medio co airiño da noite. Nese momento pensou que era un pouco curto, que por iso chamou a atención. Unha rapaza soa cruzando o Obradoiro ás 12 noite cun vestido curto de verán... A súa mente parou. Por que se culpaba de que a seguiran coa intención de mancala? Por levar un vestido? Por ir camiñando soa? Por ser muller? As preguntas rebotábanlle no cerebro e o seu ritmo cardíaco acelerou. Case sentía os pasos ao seu carón mentres pasaba polo lado esquerdo da catedral e subía as escaleiras cara a porta da Azabachería... plof, plof, plof.

A sombra achegábase... case a tocaba. Mirou á súa dereita e viulle a cara. Uns ollos marróns profundos, cellas grandes, dentes amarelos. A cadela miraba a Uxía fixamente coma se a coñecese. O ritmo cardíaco baixou, Uxía suspirou e decidiu quedar con aquela cadela para lembrar ese camiño a casa no que tivo que ser valente e non puido ser libre.