Troia

Xan Reyes

CULTURA

Xan Reyes. 43 anos. Teo. Auxiliar administrativo

29 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira vez que me pegou non dixen nada. Pensei que tiña razón. Como non a había de ter aquel home magnífico, tan valente e tan forte? Pensas que fun un pouco inocente? Pode que o fose nos primeiros tempos cando a dor aínda era unha novidade. Logo converteuse en algo cotiá. O seu pasatempo favorito era tirarme forte dos pelos, colléndome un bo mazo para non arrincarmos de vez, ou beliscarme as nádegas ata deixarmas marcadas de negróns. Facíao con tento o moi condenado, presumindo de min diante das amizades coma quen se gaba dun cadro fermoso ou dunha finca de moito valor. Durante o día tratábame ben, con moita deferencia diante da xente. Parecía outro home. Cando chegaba a noite todo cambiaba. Sen testemuñas o demo que se agochaba nel ceibaba os cans que lle roían os miolos polo día descargando en min todo o seu odio. Sabes, unha vez chegou a traer unha muller á nosa cama porque dicía que o enganaba con cantos homes se achegaban á súa casa. Eu, que tiña tanto medo que xa non me atrevía a mirar de fronte ás nosas visitas, que tremía cada vez que vía un home preto de min. Se non fora por ti, meu amor, pola correa desatada das túas sandalias que me fixeron agacharme para atalas, deixando que me namorase dos teus pés de dedos ben feitiños, do arrecendo do teu corpo... Se non me rescatases xusto a tempo agora sería unha raíña morta no camposanto da miña terra.

Helena reméxese entre as sabas para verlle mellor a cara. Segue durmido coa boca deformada por esa expresión medio parva que teñen todos os amantes despois de seren satisfeitos. Un alento de aire quente entra pola balconada xogando a enredar as cortinas. Ao lonxe, moi por fóra do porto, unha bandada de gaivotas avanza cara terra.

-Vai vir mal tempo -murmura Helena antes de durmirse.

Os barcos chegan coas velas inchadas. Ata os mesmos deuses semellan acudir á chamada furiosa dun home traizoado. Na ponte da veloz nave de negro casco e longos remos o rei Melenao contempla como a cidade de Troia medra diante dos seus ollos.

Descoñecedora do perigo, Helena, por primeira vez en moitos anos, durme sen pesadelos.