Os veráns de cando fomos nenos

M.ª del Carmen Besteiro Fernández

CULTURA

M.ª del Carmen Besteiro Fernández. 63 anos. Sarria. Enfermeira

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Recordando aqueles anos case esquecidos de outrora, flutuamos entre cores, olores e sabores que nos achegan un halo de vida. Foron veráns breves que cheiraban a palla e a moenda, tempos en que ía calor case sempre. Días onde o sol deixaba caer os raios cruelmente verticais, nos que acababamos case sempre mergullándonos nos ríos, ou no que tiñamos máis preto, cadaquén no seu lugar.

Teño na memoria o sabor do arroz con berberechos, que traía da praia a tía que, dicía, viña de tomar as augas. Eran días nos que podía esquecerse dos traballos duros, de todo o resto do ano. Noto na boca aquel sabor a fresco que desprendían, que xamais volvín gozar. Non quedaba gran de arroz en cuncha ningunha.

Pouca xente se achegaba como agora ao carón do mar, iamos ao campo, á casa dos avós, comerlles os xamóns que gardaban con agarimo, que non comían para que os saboreásemos nós. Por momentos sinto morriña daqueles tempos, non por mellores pero si por auténticos, sen tantas présas, onde a xente se trataba máis, os veciños eran coma a familia á que acudías se che faltaba algo, colaboraban para case todos os labores do campo.

O progreso ten cousas moi boas, pero estamos esquecendo as importantes que se perden no camiño.