Xerardo AgraFoxo: «Tes que viaxar só, sen tempo e sen reservas, así vas onde te leve a xente»

borja casal / x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O autor describe o seu paso polo Senegal, no que busca coñecer a realidade e o porqué da emigración

18 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O historiador Xerardo AgraFoxo recolle a súa viaxe polo Senegal no seu último libro, Un país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal (Galaxia). Un percorrido no que, durante trinta días, coñeceu a realidade do país sen facer ningunha reserva e planificando as cousas o menos posible, a excepción da entrega dunhas cartas que un mozo lle confiou en España, para entregarlle ao seu pai no país africano.

-Que motivación hai detrás desta expedición narrativa?

-Quería indagar o motivo polo que tanta xente do Senegal e de Gambia se atreve a cruzar o Estreito, cando isto é case un suicidio. Cales son as causas que dan lugar a que haxa tanta xente aquí. É un país que me atrae, porque é a primeira porta da África negra. Esta debe ser a 15.ª vez que vou á África. Estiven en países como Marrocos, Tunisia ou Exipto, pero o Senegal é un mundo totalmente diferente, xa que aínda que é unha democracia, o ensino non é obrigatorio e a sanidade tampouco é gratuíta. Hai moita diferenza entre a África branca, que é a do norte, e a África do Senegal. Nas cidades ves moita xente que non ten traballo nin expectativas de vida. Hai unha mocidade que, vendo que non ten saída, decide meterse nun caiuco e emprender a aventura, a maioría das veces sen falar coas familias. Nesta viaxe estiven nunha vila na que un día morreron 164 nenos antes de chegar a Canarias. Todos os días, cando les a prensa, aparecen noticias de rapaces que desapareceron. Unha das novelas de máis éxito no país é As que agardan, que é a historia de dúas nais que convencen aos fillos para que marchen a Canarias, pero logo o tormento da espera é tan grande que se lamentan de mandalos. O meu libro titúlase Un país sen fronteiras porque agora as fronteiras do Senegal están por toda Europa, e a única solución que hai é que nós vaiamos a África a intentar crear vida e postos de traballo. É algo inevitable, hai unha seca que está afectando todo o norte de África e un problema na costa, xa que os bancos de pesca aos que poden ir están normalmente esgotados. Logo hai unha máxima, que non vale só para o Senegal, que é que a onde nós vendemos armas, de aí van vir inmigrantes.

-Ten viaxado a outros países como Cuba da mesma forma que ao Senegal, sen planificar moito as cousas. Cal cre que é a mellor forma de coñecer un país?

-Creo que tes que viaxar só, sen tempo e sen facer reservas, así vas onde te leve a xente. Tes que ir con moito acougo, e se atravesar unha fronteira leva 10 horas, pois son 10 horas que tes que esperar alí e que aprendes. Tes que palpar a realidade falando coa xente. Onde máis a percibes é nos traslados, que son máis longos, e que se fan sempre en furgonetas que van ateigadas de xente, ou en Peugeots 505, que eles chaman sept-places, e que teñen entre un e dous millóns de quilómetros. A xente é moi tranquila, pérdeste todos os días pero sempre encontras solución, porque se vas tranquilo nunca tes ningún problema. Cando falamos dos países de África vemos cifras, pero hai que ver esa realidade onde os nenos non van á escola nin aos hospitais. Dáste de conta de moitas cousas, como por exemplo do cambio climática. Na costa vese como as pequenas vilas que teñen casas ao lado do mar esmorecen. Incluso os hoteis frecuentados por turistas comezan a construír un quilómetro cara a dentro porque non poden co efecto do mar e do cambio climático.

-No libro conta que hai xente que lle advirte dos perigos do Senegal, mesmo xente que naceu alí. Canto hai de descoñecemento sobre o país?

-Hai xente que leva moito tempo en España e xa mira aos seus paisanos doutra maneira, cunha ollada racista e de prexuízos. Se ti vas pola sabana africana e te perdes nunha aldea, que problema vas ter? Ningún, o mesmo que se te perdes nunha aldea de Galicia.

Unha historia sen ningún tipo de «simulación narrativa»

O escritor quería contar a súa viaxe tal como foi, sen episodios ficticios. «Non me gusta inventar historias, gústanme moito os libros de viaxes que contan o que lle sucede ao narrador, é dicir, a viaxe en si -explica AgraFoxo-. A xente que le os meus libros sempre me di que tiven sorte de encontrarme con determinadas persoas, pero é que se vas só sempre encontras a alguén curioso. Estás todo o día na rúa. No Senegal todos os problemas se solucionan collendo un taxi, pero entón non ves a realidade. A realidade vela cando montas nun autobús e se avaría. Cando tes que parar na sabana para solucionar o problema e tes que estar alí horas é cando falas coa xente e aprendes de todo».

-Como é o seu proceso de escritura?

-Durante a viaxe levo un diario e vou anotando todas as incidencias que me pasan e os libros que leo. Tamén procuro buscar os periódicos, porque explican moi ben os acontecementos de cada lugar. Antes de chegar procuro empaparme da realidade, leo moitas noticias nos xornais e procuro ler as mellores novelas dos países aos que vou, xa que reflicten os problemas que hai en cada un deles. No Senegal, as novelas falan da emigración, dos que van e morren, das mulleres que quedan soas, da ablación ou do colonialismo. É imprescindible lelas para coñecer a súa realidade.

-Xa ten pensado o seu próximo destino?

-A próxima viaxe será ao Brasil. Cando se fala do país sempre se fala do mesmo: de Río de Xaneiro, do fútbol e dos Carnavais. O 90 % de noticias falan de Lula e da violencia nas favelas, pero o Brasil é moi grande e supoño que me vou encontrar cunha realidade diferente. Vou ir 45 días e sei que vou chegar a Arrecife. Teño o billete de volta pero non sei por onde vou ir.