Esvaecer

Diego Casal García

CULTURA

16 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Adeus, meu amor. Escríboche esta carta para despedirme. Aínda que agora che doia pronto, asegúroche que máis cedo do que pensas, vas esquecerme. Se non o fixeches xa. Pero antes tiña que explicarche a miña marcha. Soarache incrible, pero xúroche que todo o que vou contar é certo.Lémbraste daquela praia que tiña un castro? Seguro que si, sempre tiveches boa memoria. Mentres paseaba fixeime en que non deixaba ningunha pegada na area. Non era que as borrase o mar, non. Sinxelamente era coma se nunca tivese pasado por alí. Aquilo foi o comezo.

Días despois, na rúa, notei que a miña sombra desaparecera. Os demais, como é normal, tiñan a súa. Mais eu non daba sombra ningunha. Probei logo con todas as lámpadas da casa. E nada. A miña sombra marchara. Era ben estraño, si, mais? para que serve unha sombra? Pero cando á mañá seguinte notei que non tiña reflexo (nin en espellos, nin en escaparates?) comecei a preocuparme un chisco. Tes razón, non che comentei nada pero... non ves o ridículo que semellaba todo? E tras sacarme unha foto e ver que non aparecía na pantalla do móbil busquei respostas en Internet. Só puiden atopar un pequeno blog no que alguén describía unha situación aínda máis avanzada cá miña. Falaba de que incluso desaparecera de fotos e documentación moi anteriores a notar os síntomas. De que amigos e familiares comezaban a non recoñecela.

Xa sei, absurdo, verdade? Pero prégoche que vaias mirar o noso álbum de voda tal como fixen eu. Verás que non che minto. E o proceso vaise acelerando de forma imparable: cando non son as portas automáticas, que xa non se abren, son as pantallas que deixan de reaccionar ao meu tacto.

Mais, sen dúbida, o peor chegou esta mañá. Ao espertares, vin nos teus ollos, nos teus fermosos ollos azuis, que, durante uns interminables segundos, me mirabas coma se fose un estraño. E iso si que non sería capaz de soportalo de novo. Gustaríame pedirche que non me esquezas pero sei que non depende de ti. Non me estrañaría que xa fose demasiado tarde. Pero prométoche que eu non me esquecerei nunca de lembrarme de ti.

Diego Casal García, 38 anos. Compostela. Administrativo.