Xacio Baño retrata a loita entre razón e instinto na súa primeira longa, «Trote»

borja casal / x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O cineasta galego pon a rapa das bestas como fondo no filme que estrea en Locarno

13 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O director Xacio Baño (Xove, 1983) vén de estrear Trote, a súa primeira longametraxe, no Festival Internacional de Cine de Locarno. Rodada en galego, a cinta foi un dos proxectos seleccionados para o programa de residencias Ikusmira Berriak, promovido polo Festival de Cine de San Sebastián. Trote conta a historia de Carme, unha moza que vive no interior de Galicia cun pai co que non se comunica, cunha nai enferma e baixo un ambiente que a oprime e que non a deixa fuxir. A acción transcorre durante a fin de semana na que se celebra a rapa da bestas, cando o irmán de Carme, Luís, volve á casa durante uns días.

Para Baño, a película «vai sobre a loita entre o noso eu social contra o noso eu máis persoal, máis animal e máis primario. Sobre como manexar esas dúas forzas que temos como persoas, a razón contra o instinto, un xogo que equilibra a cada un para ser feliz». A opresión á que está sometida a protagonista é unha das pezas clave da cinta. Para o autor, isto «ten que ver co que se espera de cada un de nós como persoa», e a forma de desfacerse deste sentimento, explica, «é dicir o que un quere e o que un necesita». Por outro lado, indica que nunha situación así tamén hai «moito de aguantar, de non comunicar e de non falar». E aí está a familia que aparece no filme, da que Baño di que «son animais engaiolados que se van pateando sen querer e querendo» porque, explica, «cando das un paso adiante na vida, hai veces nas que mancas ao do lado». A simboloxía do animal, da besta que un nega ser pero é, está aí. A película comeza coa preparación da rapa das bestas, días antes da fin de semana na que se rapa e se marca aos cabalos, que é cando remata a cinta.

Coa idea de capturar esta tradición, o director afirma que sentiu que «era unha cousa moi cinematográfica, con moito po, moito ruído e moito movemento. Tiña a sensación de que era algo que ía funcionar moi ben na película» e indica que a rapa foi unha metáfora perfecta, dado que «nalgúns momentos tratamos aos personaxes como animais, porque esta película vai diso, de entender que somos animais e de que temos que aceptalo como parte de nós». Isto foi levado á cinta, segundo explica Baño, «filmando aos actores dende atrás, con moita expresión e quitándolles a mirada para volvelos un pouco carne», e tamén emparellando as peles, as miradas ou a suor de animais e persoas.

Sobre a opción de rodar en galego, Baño opina que non supón risco ningún, xa que o público reclama máis olladas distintas. «Nós temos un mundo que contar», explica, motivo polo que tamén «hai que potenciar tradicións como a rapa e vendelas polo mundo para seguir perpetuando quen somos». Sobre o novo cinema galego, Baño di que se sinte «moi próximo a esa xeración de cineastas moito máis desprexuizados, moito máis abertos a un cinema expansivo nas súas formas e na súa narración», e dende aí propón unha cinta que «é doada, pero que non dá respostas ata o final». A proxección no festival de Locarno, afirma, «supón a confirmación dun camiño que levo andando dende hai varias curtas». No 2016, o seu traballo Eco foi premiado co Mestre Mateo á mellor curtametraxe. En canto ao futuro, o director xa está a traballar na que vai ser a súa segunda longametraxe -Ana y el futuro-, escrita e dirixida por Baño e producida por Frida Films, que tamén se encargou da produción de Trote.