A nena e a librería


P era unha nena de seis anos que lle gostaba ler contos na súa kindle. Un día camiñando coa súa nai polas rúas da cidade, viu unha tenda con libros detrás dunha pequena fiestra. P, abraiada, invadida por unha curiosidade que lle corroía o corpo, tirou da saia da súa nai para que parase e lle preguntou, ao mesmo tempo que sinalaba co seu dedo índice cara a outra beira da rúa, que era aquela tenda? A nai respondeulle que era unha librería; venden libros, para logo engadir: «Queres entrar?». P asentiu, entusiasmada, coa cabeza.

Cruzaron a rúa e entraron na tenda. P notou un cheiro familiar, como de madeira vella parecido ao que experimentara cando fochicaba nos trastos vellos no faiado da casa dos seus avós. Percorreu coa vista o interior da librería e se decatou de que nunca vira tantos libros xuntos colocados nos estantes, empillados enriba de cadeiras, incluso no chan; tiña medo de tropezar e caer.

O libreiro, un vello detrás dunhas lentes grandes, apareceu cunha morea de libros nas mans de detrás dun estante. Nada máis ver a nena, xunto a nai, o libreiro pousou os libros amodiño, sen que caesen, sobre o mostrador. Despois duns intres de intercambios de cortesía coa nai, levou a P diante dun estante cun letreiro que puña Contos Infantís e pediulle que elixira o que máis lle gostara.

P abafada pola cantidade de libros que tiña antes os seus descridos ollos, e ante a insistencia da nai que se desculpaba co libreiro pola tardanza, finalmente elixiu o libro coa portada máis colorista e grande que viu. P abriu o libro, botoulle unha ollada rápida como de lóstrego e volveuno pechar; non quería que aqueles seres escaparan pola librería adiante para agocharse entre os miles de buracos que formaban aquela fraga inmensa de libros. Pouco despois, P, aferrada ao seu libro, e maila súa nai abandonaron a librería, mentres o libreiro observaba a través da fiestra como se perdían entre a xente que a esas horas empezaban a ateigar as rúas. O libreiro sabíaa que aquela nena ía voltar.

José Luis Figueira Touriño. 46 anos. Catoira. Camareiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A nena e a librería