Oliver Añón faise co premio de Banda Deseñada Castelao cunha «canción» de sensacións diversas

borja casal / x. f.

CULTURA

13 ago 2018 . Actualizado a las 12:26 h.

O ilustrador Oliver Añón (Barcelona, 1982) vén de gañar o XIII premio de Banda Deseñada Castelao, organizado pola Deputación da Coruña. A obra premiada foi Canción para afundir flores no mar, que se converterá na primeira publicación do autor barcelonés, que leva vivindo na Coruña dende pequeno.

Añón non conta unha historia lineal, senón que o seu cómic funciona, explica, como «unha canción na que as figuras poéticas pódense ir repetindo nos estribillos ou cambiando en cada estrofa, sen que haxa unha estrutura clara». Segundo indica o autor, «hai unha trama que percorre toda a obra que ten certo toque biográfico» e que funciona «como un pequeno eixo que permite recompilar certas sensacións». En Canción para afundir flores no mar, Añón plasma imaxes como a do mar ou a da noite de San Xoán, que se van repetindo, aínda que non dunha maneira matemática. Algunhas das historias son máis visuais e outras máis narrativas, e para o ilustrador ese é un dos atractivos do cómic, xa que «ao mesturar texto e imaxe, podes escoller canto peso lle queres dar a cada parte en función da páxina». O xurado do premio, integrado por distintos profesionais da banda deseñada -entre os que se encontraba Bea Lema, gañadora da anterior edición con O corpo de Cristo-, destacou que a obra é «graficamente impecable, coherente e cun moi bo uso do branco e negro» e que está «moi ben debuxada». As ilustracións están elaboradas mediante unha técnica dixital, aínda que os acabados semellan o uso da tinta chinesa. Caderno e iPad son imprescindibles para Añón, xa que con estas dúas ferramentas, afirma, pode «apuntar ideas e ir debuxando». Con experiencia noutros sectores, o autor explica que, desta forma, construír historias é moito máis doado que, por exemplo, na animación «onde os tempos son máis longos e onde dependes de máis xente», explica.