A primeira novela galega en videoxogo

mateo casal / b.p. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CARMELA QUEIJEIRO

A obra «Arnoia, Arnoia», de Xosé Luís Méndez Ferrín, converterase nunha aventura multiplataforma e terá unha versión en realidade virtual con xeolocalización

12 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un videoxogo conversacional no que o xogador tratará de superar pantallas e retos, coma se fose Nmógadah, o rapaz de dezaseis anos que protagoniza a novela de Ferrín. Arnoia, Arnoia, a obra do escritor galego Xosé Luís Méndez Ferrín, publicada por primeira vez no 1985, trasladarase ás pantallas de ordenadores, tabletas e teléfonos móbiles grazas a este proxecto apoiado pola Deputación de Ourense.

Esta será a primeira obra escrita en galego que se converterá en videoxogo. «A idea xorde de intentar, dende as obras dos poetas de Celanova, divulgar o patrimonio cultural do concello», conta Antonio Piñeiro, responsable do proxecto e coordinador cultural do Concello de Celanova.

Explica que este non é o típico videoxogo de disparar e matar, senón que contará cunha parte didáctica e literaria, xa que manterá fielmente como guión o libro. «Ferrín está de acordo en que así o fagamos e empregaremos como patrón os oito capítulos da novela», comenta. O libro narra a viaxe de Nmógadah, un dos Príncipes Segredos das terras de Arnoia, que foi apresado tralo asasinato da súa nai. Encérrano cun castrón e xunto con este consegue fuxir da prisión. Alí comezan as súas aventuras, que serán descritas no videoxogo.

Empregarán como exemplo de xogo conversacional o de Los pilares de la tierra, que está funcionando moi ben entre os usuarios. Está orientado a un público xuvenil, dado que o prototipo de clientes é aquel que poida descargalo como aplicación e xogue no soporte que prefira: ordenador, teléfono móbil ou tableta. Ademais de ser unha ferramenta en galego, contará con versións en castelán e inglés.

A idea que teñen é presentar un avance do proxecto, xunto con soporte gráfico, durante a semana de industrias culturais e creativas da deputación de Ourense (ICC Week), que se celebrará o mes de maio do 2019.

Empresas galegas

A empresa galega Imaxin Software será a encargada de facer o videoxogo. «Temos interese especial en que todas as compañías involucradas sexan galegas», conta o responsable do proxecto. Xa completaron a fase preliminar, considerada a máis complexa: conseguir a finamento.

Contan co aval da Deputación de Ourense e esperan que nun futuro se sumen a colaborar outras institucións que gardan relación co proxecto, como son Política Lingüística e Secretaria Xeral para o Turismo da Xunta. «Contribuirá a trasladar a todos os públicos a riqueza literaria e turística de Celanova e da provincia de Ourense por medio dun formato novidoso e interactivo», destacan os seus promotores.

Ademais de esta proposta, teñen pensado acometer unha segunda fase se conseguen o financiamento suficiente. Pensando na xente que xa probe o videoxogo e coñeza a historia, chegará outra innovadora proposta. Un xogo de realidade virtual ou aumentada e con xeolocalización que permita coñecer os segredos contados na novela. «A nosa intención e facer un paquete turístico cos espazos e lugares que forman parte do relato», explica Antonio Piñeiro.

Xogar sobre o terreo

Está destinado a un público familiar interesado no turismo cultural. A idea sería chegar co teléfono móbil e que, sobre o terreo, a aplicación vaia levando ao usuario por unha serie de pistas e que coñeza novos lugares. Un recorrido paisaxístico e literario. «A idea é gozar dese turismo cultural que moitas veces só se queda na vista a un mosteiro», relata Piñeiro. A encargada de esta iniciativa será unha empresa de Vigo que traballa con realidade aumentada.

Finalmente, teñen pensado realizar unha terceira parte de merchandising cos obxectos do relato que se poidan comercializar: a espada artúrica, a estrela libredón (fetiche protagonista do relato) e outros artigos. E, como culminación, un xogo de mesa para que a aventura continúe.