Non hai ningunha porta baixo a ponte de Rande

Andrés Pombo Graña

CULTURA

11 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámome Marcos Montenovo e quero aproveitar este concurso de relatos de La Voz de Galicia para deixar clara unha cousa: non hai ningunha porta de pedra baixo a ponte de Rande, no fondo da ría. Son consciente de que en Internet existen páxinas que afirman o contrario, e teño entendido que algúns programas de televisión están a preparar reportaxes sobre o tema; pero asegúrovos que son todo trapalladas, quimeras, invencións de xente que non ten nada mellor que facer. Insisto, non hai ningunha porta baixo a ponte de Rande. Tampouco son certas as afirmacións de que acompañei a uns investigadores americanos nunha inmersión, aló no oitenta e tres, nin o mal rumor de que eu fun o único que regresou á superficie. Os ósos deses homes non quedaron aos pés da porta de pedra, sobre todo porque non hai ningunha porta de pedra alá abaixo. Non hai unha rama secreta do goberno que vixía a ponte as vinte e catro horas. Non hai un barco militar montando garda constante, disfrazado de pesqueiro e armado ata os dentes. Non hai unha entrada a outra dimensión a carón das bateas. Non hai un ente alieníxena intentando entrar no noso mundo a través da porta de pedra baixo a ponte de Rande, porque non hai ningunha porta baixo a ponte de Rande. En serio. Así que non vos preocupedes e, se este verán pasades preto da ría, non prestedes atención ás augas.

Andrés Pombo Graña, 30 anos. Ourense.