Kafka pedíralle a Brod que, á súa morte, queimara todos os seus escritos. Fixo o contrario
08 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Xabier López López (Bergondo, 1974) vén de engadir un novo premio ao seu longo e galardoado currículo como escritor. Desta vez trátase do Juan March Cencillo, convocado pola Fundación Bartolomé March e a editorial Pre-Textos, que distinguiu a súa novela curta Max & Brod, escrita orixinariamente en galego e que López traduciu el mesmo ao castelán para concorrer no certame. O premio está dotado con 12.000 euros e a publicación da obra por Pre-Textos.
Max & Brod xira en torno ás figuras de Max Brod e Franz Kafka. Este último encargou a Brod, o seu amigo e testamenteiro, que á súa morte en 1924 queimase todos os seus escritos. Pola contra, Brod fixo o oposto, e así deu ao prelo obras como O proceso ou O castelo. «En certo sentido, Brod foi quen creou a Kafka para a posteridade», explicou onte López, quen tamén lembrou que Brod foi un escritor prolífico en vida, mesmo tamén compositor musical.
Xa que logo, a novela premiada recrea a relación entre ambos amigos. A estrutura alterna unha narración en primeira persoa, con Brod como personaxe principal, cunha serie de pasaxes en terceira persoa, nos que se detallan distintos momentos compartidos da vida de Brod e Kafka, a xeito de flashbacks. A proposta narrativa de Xabier López sitúase en 1968, o derradeiro ano de vida de Brod, establecido en Tel Aviv despois de que en 1939 a invasión nazi de Praga o expulsase do país. Unha xornalista norteamericana entrevístase co escritor, o que dá lugar aos monólogos do libro, como se fosen gravacións magnetofónicas.
Entrega en Mallorca
López viaxará este xoves a Palma de Mallorca para a entrega do premio, que terá lugar en Sa Torre Cega, en Cala Ratjada, onde ten a sede a Fundación Bartolomé March. A deste ano era a vixésimo cuarta edición do galardón, que en ocasións anteriores recaeu en Andrés Barba, Clara Obligado ou Mariano Antolín Rato, entre outros.
Estes días Xabier López tamén presenta un dos seus últimos libros, a novela xuvenil O segredo da vella librería (Galaxia). Con ilustracións de Xosé Tomás, a obra é unha homenaxe aos libreiros, o seu traballo e os seus establecementos.