Unha guerra oculta na memoria

Xabier Quiroga e Manuel Gago válense da Galicia de posguerra para explorar a historia, os conflitos armados e a condición humana en dúas obras diferentes

X.F.
redacción / la voz

Ademais de deixar mortos, vítimas e países completamente derruídos, as guerras tamén deixan moitas historias ao seu paso. As grandes producións cinematográficas estadounidenses sobre a Segunda Guerra Mundial ou os filmes que falan da Guerra Civil española, e das súas consecuencias, dan boa conta do potencial narrativo das confrontacións bélicas. Na literatura pasa o mesmo, e se estas guerras teñen lugar nun espazo coñecido para o lector, a historia cobra vida rapidamente.

O escritor Xabier Quiroga (Escairón, 1961) debuxa en O cabo do mundo -que acaba de saír en castelán en Ediciones B- un protagonista que, indica, «está no límite da vida» por mor dunha enfermidade, e que aínda así decide buscar no pasado familiar para saber quen era e que fixo seu pai: un home ao que acusan de asasino. Aí comeza unha trama que dará cos asasinatos das Brigadas do Amencer, en plena Ribeira Sacra, nos anos máis duros da represión franquista. Unha novela que nace da memoria histórica, pero sobre todo «coa intención de coñecer o pasado para interpretar o presente», segundo explica o autor, ao que lle seduce a idea de «tentar explicar o noso propio pasado, que se ocultou coa idea de que non saíra á luz». Quiroga recorda que a historia sempre está escrita polos vencedores, e considera que é unha pena que certa literatura que serve para «abrir os ollos» non chegue ao «gran público».

Da mesma forma, Manuel Gago (Palmeira, 1976) constrúe unha novela coa idea de chegar a un público amplo, pero sen renunciar, afirma, «a facerse preguntas incómodas sobre nós mesmos». O exército de fume (Xerais) sitúase a principios de 1942 nunha Galicia que vive entre dúas guerras ocultas: a dos nazis contra os Aliados e a da resistencia guerrilleira contra o franquismo. Na época, explica Gago, «non había unha fotografía global do momento, era imposible, e a xente non sabía o que pasaba», pero recorda que, na actualidade, aínda hai moitas cousas que non se saben ou non se contan, e destaca «a pouca ficción que hai escrita en galego sobre a guerrilla, cando o seu potencial narrativo é bestial». Ao longo do proceso de documentación, o escritor recoñece que houbo moitas historias que o sorprenderon, xa que «algunhas cousas que pensaba que eran reais resultaron non selo, e outras que cría ficción resultaron ser reais». Sobre a escolla do tempo e o espazo da novela, Gago conclúe que «ás veces é interesante crear universos novos, pero hai outras nas que convén aproveitar os que xa hai».

Personaxes reais, rigor histórico e paixóns humanas para dar verismo

A incorporación de personalidades históricas é unha das claves para captar a atención do lector e facelo entrar na novela. En O exército do fume, Manuel Gago incorpora personaxes reais e facilmente recoñecibles polo público, como Winston Churchill ou Urbano Lugrís. Tanto el como Xabier Quiroga coinciden na importancia de dotar de rigor histórico as súas novelas, tanto para ser fieis co acontecido -dentro da liberdade que existe nunha obra de ficción- como para recrear a atmosfera da época. A incorporación de elementos reais, que xa resultan atractivos para o gran público, axuda a falar doutras figuras que suscitan menor interese. Esta é unha das razóns que explican a presenza dos nazis na novela de Gago, que, indica, é consciente «do pouco interese que xeran os temas de memoria histórica, incluso en públicos proclives», pero tamén destaca «o grande impacto das historias da Segunda Guerra Mundial», e por iso a mestura de temas.

Por outro lado, as dúas novelas están ambientadas nun tempo de confrontación bélica e violencia, nos que moitas persoas viven situacións límite nas que agroma o mellor e o peor do ser humano. Para Quiroga, todo iso «é un caldo de cultivo fenomenal para o tratamento psicolóxico dos personaxes, xa que nas situacións límites o ser humano é capaz de entregalo todo».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Unha guerra oculta na memoria