O mito da integración na vida dunha besta sabotada

O escritor Alberto Ramos reflexiona na súa obra «A simetría das bestas» a partir dunha situación límite

Ramos fala do encaixe do imperfecto nun medio hostil
Ramos fala do encaixe do imperfecto nun medio hostil
B. P
redacción / la voz

A enfermidade terminal que lle é diagnosticada a Caridad Verdet é o pano de fondo que dá lugar á reflexión en A simetría das bestas (Urco Editora), a última novela do escritor Alberto Ramos, que presenta hoxe na Feira do Libro da Coruña. A obra trata, segundo indica Ramos, «da integración, do trauma e sobre todo de Caridad Verdet, a protagonista, que é a maior das bestas, non por fealdade, senón pola necesidade de adaptarse a un medio hostil para sobrevivir». Esta protagonista é unha persoa que, como explica o escritor, «nace cunha sabotaxe da natureza, que é unha malformación que salta á vista, e chegado o momento da súa vida adulta recibe outra sabotaxe, que é o diagnóstico dunha enfermidade terminal».

Esa doenza que pon a morte na vida desta personaxe é o detonante que utiliza Ramos para «falar de todo o demais», e que fai que Caridad Verdet reflexione sobre «as pantasmas do pasado, sobre o que quedou pendente e non se fixo, xa que ao final non nos damos de conta de falar da vida ata que empezamos a falar da morte, xusto cando vemos que o tempo se acaba e que sempre estivemos na vida». Dentro desas reflexións sobre o pasado hai espazo para o encaixe dunha persoa imperfecta e diferente -neste caso a protagonista- no mundo no que lle tocou vivir. Sobre isto, o escritor indica que Verdet repite moitas veces na novela que «a integración é un mito como o do Minotauro, pero peor contado». O simbolismo tamén ten lugar en A simetría das bestas, xa que cada capítulo está titulado con algo relacionado co mundo animal, dende a medusa ata o rinoceronte, o que ten moito que ver «cos mecanismos de defensa que teñen os animais para adaptarse ao medio hostil», explica o escritor, «que tamén é algo que utilizan os humanos para sobrevivir ao darwinismo social».

Con A simetría das bestas, Alberto Ramos obtivo o premio Risco de Creación Literaria, un galardón que xa lle fora outorgado no ano 2012 pola súa obra Todos os días. Daquela, Ramos contaba a súa situación persoal despois de perder o seu traballo como xornalista tras o peche do medio de comunicación no que traballaba. Entre estes dous libros premiados houbo outro completamente distinto, Máscaras rotas para Sebastian Nell, publicado pola editorial Galaxia e co que obtivo o premio García Barros no ano 2014.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

O mito da integración na vida dunha besta sabotada