O Outono Fotográfico de Ourense desaparece logo de trinta e cinco anos

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O certame denuncia a falta de axuda do Concello e este di que ofreceu alternativas

31 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Era a crónica dunha morte anunciada, como se sinalou por parte da organización, e o Outono Fotográfico «morrerá» neste 2018 logo de trinta e cinco anos de actividade. Creado en 1983 da man do desaparecido director da Casa da Xuventude de Ourense, Benito Losada, o certame estaba coordinado nos últimos anos -dende a morte de Losada no 2011- por Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves.

Os dous compareceron onte en rolda de prensa no Liceo para confirmar o que xa foran anunciado polas redes sociais durante a fin de semana: non haberá Outono Fotográfico 2018. «A colaboración económica comprometida polo Concello de Ourense co festival para a 35.ª edición celebrada en 2017 non foi habilitada e, tras meses de absoluta opacidade informativa, o martes pasado, comunícasenos que, en definitiva, non se vai cumprir o acordado», sinalou Vázquez, director do certame. A mediados de xuño o responsable do festival xa colgara en Internet que o Outono podería desaparecer porque o Concello non pagaba os 9.000 euros comprometidos -dos 24.000 euros do presuposto total- e iso impedía, entre outras cousas, editar o catálogo que cada ano se publica a xeito de memoria do realizado nesa edición.

Dende o Concello, institución que non quixo posicionarse ata a comparecencia dos organizadores do OF, rexeitouse responsabilidade algunha na desaparición do festival e sinalouse que a institución municipal «ofreceu tres alternativas para seguir colaborando co Outono Fotográfico, opcións desbotadas pola organización». Concorrer ás liñas de subvención que o Concello ten habilitadas en Cultura e Xuventude -as axudas dos dous departamentos son compatibles- ou unha encomenda de xestión mediante un contrato administrativo de prestación de servizos -cedendo a marca ao Concello- foron os prantexamentos. As concelleiras de Cultura, Belén Iglesias, e Xuventude, Sofía Godoy, compareceron en rolda de prensa para facer pública a postura do Concello. A axuda pendente corresponde a Xuventude, concellería que argumenta que non hai factura presentada. 

OUFF, banda e treboada política

A desaparición do Outono, xunto coa anulación do OUFF 2018, a desaparición da Banda de Música e o risco que corren varios proxectos culturais da cidade provocaron onte unha aceda polémica política. Ourense en Común, PSOE e BNG cargaron con dureza contra a política cultural que esta a desenvolver o goberno do PP na cidade. O PSOE denunciou «o desleixo, incapacidade e excesiva burocratización».

De «canto máis mellor» á aposta pola presenza internacional

OOutono Fotográfico loce gabancioso no seu logotipo unha lenda -«Desde 1983»- e a data faino, segundo os responsables do proxecto, «o segundo festival de fotografía máis antigo do mundo». Se Ourense leva dende aquela apostando pola imaxe é grazas a Benito Losada, quen como director da Casa da Xuventude actuou sempre como catalizador de mil e unha iniciativas que foron marcando época, entre outros as Xornadas de Banda Deseñada, o Maio Xove, o concurso de relato para mozos e moitos máis. Aínda que con realidades moi diferentes, houbo un tempo no que Outono Fotográfico e a Fotobienal de Vigo eran dúas referencias para os fotógrafos e para os afeccionados á imaxe. Como ocorre coas iniciativas vinculadas á realidade institucional -a Casa da Xuventude dependía en tempos da Consellería de Familia- a cada nova convocatoria o OF sumaba: máis exposicións, máis cursos, máis cidades... sen tecer alianzas ou relacións con outros certames semellantes -como o de Vigo ou as Xornadas da Imaxe de Braga, entre outros-. Na actual etapa a aposta nesa liña é clara, con colaboracións con varios festivais de Portugal, Brasil e outros países. Segundo a estatística que onte se deu a coñecer por parte da organización do Outono Fotográfico, nestes trinta e cinco anos o certame da imaxe ourensán programou «máis de 2.035 exposicións (con 6.093 fotógrafas e fotógrafos participantes: 3.300 nos 28 anos con Benito Losada á fronte e 2.793 nos últimos sete anos)».