A derradeira viaxe de Velo a Galicia

miguel anxo fernández

CULTURA

Velo, xunto a Chano Piñeiro
Velo, xunto a Chano Piñeiro alfonso fumega

A fundación que leva o nome do cineasta e as Xociviga promoven unha publicación e unha exposición arredor da homenaxe ao cineasta no Carballiño, en agosto de 1985

28 jul 2018 . Actualizado a las 22:52 h.

Eran as segundas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, as coñecidas como Xociviga e herdeiras da Semana de Cine que desde 1975 desenvolvía anualmente o cine club Carballiño, que estaba a caracterizarse por un compromiso entusiasta a prol dun audiovisual propio. En 1985 tiña dúas pezas referenciais: a curta Mamasunción, de Chano Piñeiro, e a videocreación Veneno puro, de Xavier Villaverde, dous autores que na década anterior iniciáranse co súper 8 mm, un tempo no que desde as Xornadas de Cine de Ourense, o xornalista Luís Álvarez Pousa reivindicara ao cineasta Carlos Velo Cobelas (1909-1988), ourensán de Cartelle, e que desde México promovía un cine coa lingua galega por condición irrenunciable. Foi así como, chegado á Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Álvarez Pousa propúxonos aos mozos que faciamos as Xociviga unha gran homenaxe a Carlos Velo, que chegaría desde México xunto a súa dona Carol de Swaan e a súa neta Laura Gárdos Velo. Foi así como, entre o 3 e o 10 de agosto de 1985, tivemos ao autor da curta Galicia (1936), e das longas Torero! (1956) e Pedro Páramo (1966), entre a súa obra máis salientable, que se proxectou na súa compaña.

Naqueles días, Velo mantivo encontros co público nos que debullou a súa traxectoria, e viuse con Chano Piñeiro, Xavier Villaverde, Carlos A.L. Piñeiro e Alfredo G.ª Pinal, autores que catro anos despois promoverían as tras primeiras longas de ficción galegas: Sempre Xonxa, Continental e Urxa. Xunto a unha monografía -que coordinei co actual catedrático de Comunicación Audiovisual da Complutense, Emilio C. García Fernández-, montouse unha exposición arredor da súa vida e obra, con interesantes aportes do seu patrimonio persoal, e que agora tutela a súa Fundación.

Aproveitando o 30 aniversario do seu pasamento, a mesma Fundación, xunto coas Xociviga, que organiza o Concello do Carballiño co apoio da Deputación de Ourense, promove do 29 de xullo ao 2 de agosto, unha exposición e unha monografía coordinada por Xosé Manoel Rodríguez, coa abondosa documentación fotográfica daquela homenaxe, tirada polos irmáns Alfonso e Francisco Fumega, actual alcalde carballiñés.

Complétase con lembranzas de moitos dos que participamos nela, tales como Manuel González Álvarez, Xosé Carballido, Carlos Rodríguez Calvo, Emilio C. García, M.ª Jesús Blanco Piñeiro, e a súa neta Laura Gárdos. Tal como recolle o coordinador, aquela «homenaxe definitiva de Galiza a Carlos Velo, coincidiu coa derradeira viaxe do mestre á terra […]. Unha estadía que conseguiu entusiasmalo e remexer antigas inquedanzas e proxectos». Así o certifica o propio Álvarez Pousa, que poucas semanas despois recibiu desde México, o proxecto dun «Centro de Capacitación, Produción e Arquivos das Imaxes prá Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG)», ideado «matinando a cotío na mocidade galega que ti mobilizaches desde a Dirección Xeral de Cultura e que coñecín nas inesquecibles xuntanzas do Carballiño». O xornalista, defraudado, escribe que «non puido ser. As augas da política andaban revoltas en San Caetano, e por indución tamén no ente público de San Marcos, onde acabaron recalando en poucos meses dous novos e sucesivos directores xerais. O último deles, un tal don Abilio, liquidou cunha sentenza de funambulista o compromiso do seu antecesor, Luis Losada: “Es un lujo excesivamente grande para una TV tan modesta”. Dou fe».